Segue a busca do pescador de Narón desaparecido no cabo Prioriño
Segue a busca do pescador de Narón desaparecido no cabo Prioriño
Cúmprense dous días da súa desaparición nunha zona de cantís, onde localizaron o seu coche e a súa mochila
Tamén continúa a busca de Andrés Míguez, o septuaxenario desaparecido desde o luns na contorna de Santiago
Ás nove da mañá retomouse a busca do pescador, veciño de Narón, desaparecido o mércores nunha zona de cantís, no cabo Prioriño, preto do novo porto exterior de Ferrol, onde localizaron o seu coche e a súa mochila.
O operativo, en que participa Salvamento Marítimo, co Helimer 402 por aire e a embarcación Betelgeuse por mar, rastrexa de novo a zona comprendida entre punta Segaño e Doniños.
Tamén colaboran axentes da Garda Civil e bombeiros de Ferrol por mar e terra, apoiados por efectivos da Policía Local e Nacional, Cruz Vermella e voluntariado de Protección Civil.
Agardan que a baixada da marea poida facilitar o achado do corpo. De non ser así, a partir deste sábado, cando se cumpren os tres días da desaparición, avaliarán se suspender provisionalmente o operativo.
Desaparecido en Santiago
Mentres, en Santiago continúan pendentes de Andrés Míguez Seijo, o home de 77 anos desaparecido o luns cando saíu da residencia de San Marcos para dar un paseo.
Axentes da Policía Nacional e Local continúan rastrexando as inmediacións do centro, onde ingresara recentemente, e da súa casa da Lameira de Marantes, a onde o home, que sofre demencia, desexaba volver.
Andrés Míguez Seijo é corpulento, mide 1 metro 65 centímetros, pesa 85 quilos, ten o pelo cano e os ollos marróns.