Continúa detido o presunto autor do tiroteo rexistrado no barrio lugués de Feixó
Espérase que o arrestado pase á disposición xudicial a partir deste martes, segundo informou o TSXG
A vítima dos disparos segue ingresada no HULA, aínda que non se teme pola súa vida
O presunto autor do tiroteo rexistrado no barrio lugués de Feixó continúa detido, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Trátase dun veciño da vítima, residente na rúa Río Avia, co que, ao parecer, arrastraba desavinzas dende había tempo.
"Estabamos na casa tranquilos e sentimos os disparos, dous ou tres seguidos", relata unha parella que escoitou os tiros. "Vimos catro ou cinco coches da policía e preguntámonos que pasara", conta outro residente.
Ademais de oír varios disparos, a veciñanza presenciou unha ampla despregadura de patrullas policiais, que acordoaron a zona. Sinalan que o suceso conmocionou o barrio.
"Tremía na cama tanto que me levantei e botei o fecho", asegura unha veciña.
A vítima dos disparos tivo que ser trasladada ao HULA, onde segue ingresada sen que se tema pola súa vida. Pola súa parte, o suposto autor dos feitos encóntrase á espera de pasar á disposición da Xustiza. Segundo a policía, a investigación continúa aberta.