Publicador de contidos
Publicador de contidos

Continúan os atrasos nos aeroportos españois polo fallo informático global de Microsoft

Continúan os atrasos nos aeroportos españois polo fallo informático global de Microsoft

O Prat e Baraxas acumulan demoras de ata dúas horas con miles de pasaxeiros afectados e moitas aglomeracións nas terminais

Máis de 33.000 voos atrasados e unhas 3.700 cancelacións en todo o mundo

O fallo dun antivirus que afecta a Microsoft provoca atrasos aéreos e problemas en empresas e institucións de todo o mundo

G24.gal 19/07/2024 20:47 Última actualización 19/07/2024 21:00

Os aeroportos comezan a recuperar a normalidade tras horas de atrasos e colas por un fallo informático que provocou máis dun cento de cancelacións en España e milleiros en todo o mundo. 

Despois dunha xornada de auténtico caos semella que a estas horas a normalidade comeza a imperar, especialmente nos aeroportos galegos, con menor tráfico aéreo que outros do territorio español. Aínda así non se salvaron dos atrasos, e aquí na Lavacolla tamén houbo algunha cancelación puntual como un voo que non saíu a Zürich.

Nos aeroportos da Coruña e Vigo só houbo pequenas demoras duns 20 minutos nalgúns voos. Aena xa restableceu os seus principais sistemas despois de que este fallo informático obrigara as aeroliñas a realizar 105 cancelacións no conxunto de España con milleiros de pasaxeiros en movemento.

Cronoloxía da xornada

A coñecida como 'pantalla azul da morte' de Microsoft, foi a evidencia visible do fallo de CrowdStrike que afectou aos aeroportos de todo o mundo. Unha actualización deste provedor de ciberseguridade foi a responsable da caída que provocou o caos. 

Os problemas comezaron de madrugada nos Estados Unidos, onde as principais aeroliñas tiveron que deixar os seus avións en terra. En poucas horas o contaxio foi global. Aena informou nas redes sociais da incidencia técnica que afectou á facturación, pero non á navegación aérea, e causou unha chea de atrasos e máis dun cento de cancelacións.

Gran parte da xestión dos embarques dos aeroportos españois tivo que facerse como hai décadas, manualmente, con bolígrafo e papel. A caída do sistema prodúcese en plena época estival con más de 7.400 operacións de Aena nos 46 aeroportos que xestiona. 

Os pasaxeiros xa están pensando nas reclamacións para cobrar as indemnizacións.

Os aeroportos comezan a recuperar a operativa

A media mañá Aena informaba de que comezaba a recuperar a operativa, pero os atrasos acumulados e os problemas puntuais nas aplicacións dalgunhas aeroliñas seguen complicando a operatividade. Algunhas compañías aínda teñen sistemas caídos polo que é necesario pasar polos mostradores de facturación para obter as tarxetas de embarque.

En todo o mundo, o fallo informático deixa 30.000 atrasos aéreos e máis de 3.200 voos cancelados, segundo os datos de FlightAware, a multinacional tecnolóxica que proporciona datos do tráfico aéreo en tempo real. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade