Controis durante a vendima para evitar a entrada de uva foránea
Controis durante a vendima para evitar a entrada de uva foránea
A Administración, inspectores, técnicos e forzas de seguridade colaboran nunha tarefa coa que se pretende evitar a entrada fraudulenta de uva foránea
E neste tempo de vendima intensifícanse os controis nas distintas denominacións de orixe, para evitar a entrada fraudulenta de uva de fora. E faise co obxectivo de preservar a calidade dos viños nas denominacións de orixe.
A Administración, inspectores, técnicos e forzas de seguridade colaboran nunha tarefa coa que se pretende evitar a entrada fraudulenta de uva foránea.
Lembran que as variedades de cada denominación de orixe son as que lles dan personalidade aos seus viños, controlar a súa rastrexabilidade é un xeito máis de garantir a calidade do seu produto.
A vendima arrincou xa en varias denominacións de orixe de Galicia. Son días de traballo e tamén de control para evitar a entrada de uva foránea.
"A razón de ser dunha denominación de orixe é ligar un produto histórico a un territorio, de maneira que hai que garantir sempre que a orixe, non só a calidade, senón ademais a orixe desa uva é do territorio que está delimitado nesa denominación de orixe, polo tanto calquera uva que puidese entrar de fóra estariamos falando dunha fraude", explica Juan Manuel Casares, Presidente do C.R.D.O.P. Ribeiro.
As denominacións de orixe contan cos seus propios mecanismos de control para evitar fraudes e supervisar a calidade do seu produto, pero ademais durante a vendima colaboran coas distintas administracións para verificar o cumprimento da normativa.
"Loxicamente non sabemos a calidade do que vén de fóra, nin as condicións, nin a variedade. A nosa uva está perfecta, as nosas variedades son as autorizadas e non sabemos o que vén de fóra, polo tanto ten que estar erradicado por completo ese tipo de fraude", apunta Jonatás Gago, Presidente do C.R.D.O. Monterrei.
Aos inspectores de campo e técnicos súmanse ademais a Policía Nacional e a Garda Civil cos que traballan de xeito coordinado.
"O que facemos é o control documental que ten que ver coa rastrexabilidade da uva. Existe unha documentación que está normativizada a nivel europeo e basicamente do que se trata é de detectar se a uva procede de onde ten que vir ou se neste caso concreto esa uva refire a unha posible fraude precisamente porque non cumpre estándares de calidade", indica Rafael Berguillo, comandante da Garda Civil de Ourense.
As tarefas de control prolongaranse durante o tempo que se estenda a vendima nas distintas denominacións de orixe.