Controlada unha fuga de amoníaco na piscifactoría de Xove sen danos
Controlada unha fuga de amoníaco na piscifactoría de Xove sen danos
GES de Cervo, Bombeiros de Viveiro e Garda Civil traballaron ata a madrugada para evitar riscos para as persoas e a contorna
Un problema nun compresor orixinou a fuga de amoníaco na factoría
Os bombeiros de Viveiro, canda o Grupo Supramunicipal de Emerxencias de Cervo e axentes da Garda Civil atenderon durante a noite deste venres unha fuga de amoníaco na piscifactoría de Insuíña, en Xove.
Todo indica que un problema na válvula dun compresor na sala de frío orixinou a fuga, que controlaron con rapidez os efectivos desprazados cun amplo dispositivo de seguridade.
Cando os equipos de emerxencia chegaron ao lugar do incidente, o persoal da empresa xa fora evacuado e as manobras de control comezaron con persoas de mantemento da propia empresa.
A fuga de amoníaco saldouse sen persoas afectadas nin danos na contorna, confirmou o 112 Galicia, Nun primeiro momento a fuga semellaba ser de importancia, xa que se formara unha nube branca ás portas da sala.
A intervención dos bombeiros viveirenses e do GES de Cervo como medida preventiva foi fundamental ata a chegada dos técnicos especializados, que repararon os danos detectados na válvula afectada.
#AXEGAInforma que está controlada unha fuga de amoniaco na factoría da Praia de Lago, en #Xove, sen que sexan necesarios máis medios, e sen que se producisen danos para as persoas e a contorna.
— 112Galicia (@112Galicia) August 12, 2022
Interveñen: #BombeirosViveiro, GES Cervo e @guardiacivil pic.twitter.com/7f2WwNyoaH