Cortada a A-6 en Becerreá por un desprendemento de terra
Cortada a A-6 en Becerreá por un desprendemento de terra
Hai importantes retencións e o tráfico está sendo desviado á N-6
A avalancha arrastrou un coche pero afortunadamente non hai feridos
Aline deixa máis de 400 incidencias este xoves
Santiago recúperase tras a tromba de auga deste mércores
A A-6 á altura de Becerreá está cortada en dirección A Coruña por un desprendemento de terra dende as seis da tarde. A avalancha levou por diante un coche, pero afortunadamente non hai danos persoais.
O desprendemento está provocando retencións quilométricas e o tráfico está desviándose pola N-6. Os operarios de mantemento traballan para despexar a vía e volver poñela en servizo canto antes.
O suceso tivo lugar no punto quilométrico 450, case no límite coas Nogais e nunha zona en que hai 14 anos xa se produciu outro desprendemento que mantivo cortada a vía unha semana.
Máis de 400 incidencias
A borrasca Aline deixou en Galicia unhas 435 incidencias este xoves. En concreto, producíronse unhas 140 caídas de árbores, mentres que as inundacións e bolsas de auga nas estradas supuxeron 71 incidencias.
Por provincias, Pontevedra foi a máis afectada polos sucesos xestionados, con 193 sucesos, seguida pola Coruña, con 189 e por Lugo, con 45. En Ourense só se rexistraron 27 incidencias.
Santiago recupérase da tromba de auga
Máis de trinta litros por metro cadrado en menos de media hora. Había moito tempo que non se vía chover tanto sobre a capital. Onde o susto foi maiúsculo foi na rotonda do Sar: houbo que rescatar unha muller e o seu bebé, ocupantes dun dos varios vehículos que quedaron atrapados.
A poucos metros, a auga inutilizaba a piscina municipal, despois de que as instalacións quedasen parcialmente mergulladas.
Un dos muros do seminario menor de Belvís derrubouse polo peso da auga. Na zona nova, portais e comercios quedaron asolagados en minutos.
A ausencia de danos persoais, a mellor nova dunha xornada caótica en Compostela.