Publicador de contidos
Publicador de contidos

Restablecida a circulación na ponte de Rande tras o accidente dun camión

Restablecida a circulación na ponte de Rande tras o accidente dun camión

O tránsito foi desviado polos carrís anexos que se construíron na última ampliación

Rexistráronse importantes retencións de tráfico a primeira hora deste martes en sentido Vigo

G24.gal 29/07/2024 22:04 Última actualización 30/07/2024 10:28

O accidente dun camión articulado provocou importantes retencións na ponte de Rande, que dá acceso a Vigo. A circulación viaria quedou completamente restablecida a media mañá deste martes.

O vehículo perdeu o control pasadas as 21:30 horas, no punto quilométrico 148, ao seu paso por Redondela. A primeira persoa que contactou co 112 para alertar foi unha veciña que se asustou polo estalido, posiblemente do rebentón dunha roda. O camión atravesou a mediana e quedou virado coa cabeza tractora nos carrís en sentido contrario e o remolque nos carrís que levan a Pontevedra e a autovía do Morrazo. 

O vehículo foi retirado durante a noite, pero os traballos para a limpeza prolongáronse durante varias horas da madrugada e da mañá deste martes, tanto para a recollida dos restos como para a recuperación dos elementos de seguridade da vía.

O camión transportaba máis de 26.000 quilos de óxido de magnesio en po, almacenado en 20 sacos de gran capacidade. Moitos deles quedaron danados por mor do impacto, e o po espallouse pola calzada e só se podía varrer para recollelo. Asemade, ao producirse o accidente xusto na ponte de Rande, sobre a ría de Vigo, cumpriu extremar a precaución para evitar que ese po puidese alcanzar o espazo mariño. Para iso, utilizáronse máquinas de gran potencia coas que asegurar a completa retirada desta substancia e salvagardar a contorna.

Do traballo ocupáronse os equipos de mantemento da empresa concesionaria da autoestrada, os bombeiros do Consorcio de Pontevedra, pois acudiu persoal dos parques do Porriño e do Morrazo, e tamén os membros do Grupo Supramunicipal de Emerxencias de Mos. 

O accidente xerou importantes retencións no tráfico da zona, xa que inicialmente chegaron a cortarse os seis carrís, aínda que posteriormente se restableceu a circulación polos exteriores e tamén se desviou a través doutras vías. Axentes da Garda Civil de Tráfico acompañaron e apoiaron os traballos dos equipos de emerxencias a través da organización da circulación e a posta en marcha de percorridos alternativos.

O condutor do camión foi atendido in situ por un equipo do 061, aínda que non foi necesaria a súa evacuación ao saír ileso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade