A cota de neve baixa ata os 500 metros en Galicia e o temporal tampouco dá tregua na costa
A cota de neve baixa ata os 500 metros en Galicia e o temporal tampouco dá tregua na costa
Durante a mañá foi preciso cortar o tráfico na A-6, ao paso por Pedrafita, e restrinxir o tránsito de camións na A-52, na Gudiña
Alerta laranxa por temporal costeiro entre A Guarda e A Estaca de Bares
A cota de neve baixou ata os seiscentos metros na noite deste venres. A DXT recomenda circular con precaución na A52 en Ourense, entre o alto da Canda e A Gudiña.
Durante a mañá estivo cortada a autovía A-6 ao seu paso por Pedrafita de Cebreiro, así como a estrada provincial que une o Cebreiro con Queixadoiro. Tamén foi preciso interromper o tráfico na vía que vai da Fonsagrada ata A Esperela e rexistráronse incidentes con vehículos implicados en Ribas de Sil, Folgoso e Quiroga.
Na Provincia de Ourense, na A-52 embolsaron camións na Gudiña, Riós e a Mezquita.
Foi unha xornada moi difícil para os condutores.
"Non contabamos con isto. Sorprendeunos a nevarada e houbo que parar", comenta un condutor.
228 alumnos de 10 centros de ensino da provincia de Lugo quedaron sen poder asistir a clase por causa da neve acumulada nas estradas. Tres deses centros, os de Baleira, Folgoso do Courel e O Incio, permaneceron pechados. Malia o traballo das quitaneve ao longo da xornada, a nevarada foi moi intensa e non se puideron evitar atrancos no tráfico rodado.
Manzaneda rexistra a mínima máis baixa, -4,1ºC, e o refacho máis forte, de 130 km/h
A estación meteorolóxica de Cabeza de Manzaneda rexistrou nas últimas horas os valores extremos de Galicia en canto a temperaturas mínimas e refachos de vento, segundo os datos publicados por Meteogalicia.
Así, esta estación rexistrou nas últimas horas unha temperatura mínima de -4,1ºC, moi preto dos 4ºC baixo cero rexistrados na Veiga. En canto ao vento, rexistrouse nesa mesma estación un refacho máximo de 130,1 quilómetros por hora.
Moitos aproveitaron o día para achegarse a ver a neve en familia.
Os fortes refachos de vento impediron por en funcionamento as telecadeiras en Manzaneda pero houbo que non se resistiu a coller a táboa.
Se o vento o permite contan con ter todas as pistas aberta durante a fin de semana.