Coudet: "O club quere armar un equipo competitivo, pero hai que respectar os tempos do mercado"
Coudet: "O club quere armar un equipo competitivo, pero hai que respectar os tempos do mercado"
O técnico e Hugo Mallo falaron nas horas previas ao partido fronte ao Pumas, primeira cita da pretemporada
"Non é momento de pensar en Europa", respondeu o capitán ás palabras do presidente da entidade
O Celta está a horas de xogar o primeiro partido da xira americana. Será en México, onde se medirá co Pumas nun dos catro partidos que disputará esta pretemporada. O equipo avanza cara á súa reconstrución mentres agarda polas fichaxes.
"Seis ou oito teñen que chegar. O club quere armar un grande equipo. Pero hai que respetar os tempos do mercado. O club tivo intención, pero o mercado non nos acompañou. Vai ser unha ardua tarefa ata o inicio da temporada", explicou Eduardo Coudet na comparecencia de prensa.
Coudet falou da saída de Orbelín: "Non podo garantizarlle minutos e el necesita proxección para o Mundial"
Dezaoito xogadores foron convocados por Coudet para este primeiro encontro. En Vigo quedaron catro. Entre eles Orbelín Pineda. O presidente Mouriño apuntou a unha cesión sen compra nunha xuntanza coas peñas mexicanas. Coudet confirma que Orbelín quere minutos e proxección para o Mundial. Todo apunta a que aterrará no AEK grego.
"Atopou un club que lle garante eses minutos. Eu non podía garantirlle a participación que el necesita. Así que decide ir ao lugar onde se pode amosar e oxalá consiga entrar na convocatoria para o Mundial", dixo o técnico.
Hugo Mallo respóndelle a Mouriño: "A estas alturas non podemos pensar en Europa. Somos un equipo en reconstrución"
Mouriño falou no encontro cos afeccionados da posibilidade de meterse en Europa o mesmo ano en que o Celta celebra o seu centenario. O equipo pide calma.
"A estas alturas non podemos falar de Europa. Estamos en pretemporada, faltan moitos xogadores por vir. O equipo afronta un periodo de construción. Hai que manter a calma e os pés no chan. E sobre todo, traballar duro", respondeu Hugo Mallo na sala de prensa.
Máis alá da cautela do grupo, Mouriño declarou que se pechan neste mercado os xogadores que desexan será factible dar ese salto que os conduza a torneos europeos.