Crean paneis móbiles para diversificar a distribución interior das vivendas
Crean paneis móbiles para diversificar a distribución interior das vivendas
Sofía Blanco e Caio Barboza din que é unha solución moi axeitada para espazos reducidos
O Colexio de Arquitectos de Galicia seleccionou a sua obra para a mostra Nova Arquitectura Galega 2024
Detrás dunha serie de paneis móbiles están as zonas de uso máis reservado dunha vivenda; os dormitorios, o baño, os armarios ou a despensa.
Todo o resto mantense coma un espazo diáfano para cociña e zona de estar.
Así é como redistribuíron os arquitectos Sofía Blanco e Caio Barboza un bloque de apartamentos dun camping de Ribeira.
Partían dunha estrutura previa de seis espazos de 34 metros cadrados cada un, estruturados do mesmo xeito, pero eles primaron que agora todos fosen diferentes.
"O que adoita pasar en proxectos de hostalería é que os espazos son todos iguais, pero aquí o que fixemos é crear esta variación espacial entre un e outro; que teñan un carácter moi distinto, pero feitos cos mesmos materiais e as mesmas técnicas de construción".
Neste caso son pequenas residencias de uso turístico, pero esta parella de arquitectos xa aplicou a mesma solución a outras vivendas e aspiran a que a súa proposta de tabiques móbiles de seis centímetros de ancho se use en calquera tipo de construción residencial.
"Estamos afeitos a oír falar dos problemas de aloxamento e esta pode ser unha estratexia en que nun volume pequeno e axustado se conseguen solucións moi eficientes".