Plantan cereais na Terra Chá para non depender do gran ucraíno
Plantan cereais na Terra Chá para non depender do gran ucraíno
Sementaron cebada, trigo e avea para usar como forraxes
Bótanos en outubro e recóllenos na primavera, cando aínda están verdes
Ata corenta toneladas de forraxe por hectárea a un custo de 600 euros. Esas cantidades levaron a numerosos gandeiros da terra Chá a optar polos chamados cereais de inverno, os que se sementan en outubro e se recollen agora cando aínda están verdes. Cebada, trigo da caste triticale ou avea son os cultivos escollidos para reducir a dependencia dos pensos ucraínos e a palla castelá.
Os pensos supoñen agora algo máis do 40 % da alimentación das vacas de leite, unha cantidade que se quere rebaixar ata o 30 % a curto prazo. O trigo e a cebada teñen a vantaxe de seren resistentes ás pragas, adaptados ao clima da Terra Chá e, ademais, o xabaril non entra nas leiras onde se cultivan. Os cereais de inverno tamén son plenamente compatibles co millo, xa que se cultivan en épocas diferentes nas mesmas leiras.
O que comezou como unha proba pode acabar convertendo a Terra Chá no outro graneiro de Galicia, xunto coa comarca da Limia.