Fai catro meses do afundimento do Villa de Pitanxo en Terra Nova
Fai catro meses do afundimento do Villa de Pitanxo en Terra Nova
As versións contraditorias dos superviventes marcan a investigación xudicial
O día 15 de febreiro afundíase o Villa de Pitanxo en augas de Terra Nova en circunstancias que a hoxe aínda non están claras. Ao día seguinte confírmase que hai 9 tripulantes falecidos dos que aparecen os seus corpos, 12 desaparecidos e 3 superviventes, Samuel Kwesi, o patrón, Juan Padín, e o seu sobriño, Eduardo Rial.
O día 19 os tres chegan a terras canadenses a bordo do Menduíña 2, o barco que os rescatara. Unha semana despois do naufraxio chegan a España xunto aos primeiros cadáveres rescatados. Xa en marzo coñecíase o feito de que Samuel desmontara a versión do capitán sobre as causas do afundimento e o caso comeza a enturbarse máis e máis ata hoxe.
A Audiencia Nacional remite o caso a un xulgado de Marín, no seu auto o xuíz Ismael Moreno fala por primeira vez de indicios criminais por 21 homicidios por imprudencia. As versións son contraditorias e as familias desconfían abertamente do patrón. O xulgado devolve o caso á Audiencia, mentres as familias reciben numerosas negativas a baixar ao pecio afundido e visitan numerosas autoridades, chegando tamén ao Congreso dos Deputados.
Este mesmo mes parte de Vigo o buque Vizconde de Era, con capacidade para baixar ao fondo mariño, pero o Goberno nega esa posibilidade aos familiares. Os superviventes declaran na Audiencia Nacional, que lle retira o pasaporte a Juan Padín e mantén a imputación tamén sobre a armadora Nores, que esta semana sostén que todos os tripulantes contaban cos traxes de emerxencia e mostra nun comunicado a súa desconformidade co tratamento dalgunhas informacións aparecidas nos medios de comunicación sobre o proceso xudicial.