Fai oito anos do asasinato do párroco de Vilanova dos Infantes
Fai oito anos do asasinato do párroco de Vilanova dos Infantes
Os veciños homenaxean a memoria de don Adolfo e piden que se siga investigando o crime
Foi un 10 de marzo do ano 2015 cando os veciños de Vilanova coñecían con asombro a morte violenta do que fora seu párroco durante 50 anos. Don Adolfo, como todos lle chamaban, era coñecido por axudar a todo aquel que se achegaba á súa porta.
"A quen lle vas botar a culpa?, viña moita xente pedir para comer e el sempre tiña a porta aberta para todo o mundo", lembra un veciño.
Non atoparon probas dabondo contra os únicos detidos e o caso quedou arquivado. O mesmo día do asalto desapareceu tamén a coñecida talla en miniatura da Virxe do Cristal. Oito anos despois, non se sabe nada dos culpables. Din os veciños que o que moitos senten é impotencia e incerteza.
"O roubo da Virxe foi importante pero a morte do sacerdote moitísimo máis. Cada ano que pasa sentímonos agoniados porque non sabemos absolutamente nada. Isto foi un crime real que non se resolveu e esa dúbida corróenos e créanos moitísima impotencia e dor", apunta outra veciña.
Saben que non é sinxelo, pero piden que as autoridades sigan investigando ata dar cos culpables, como pide Manuel Riestra, vicepresidente da asociación de veciños de Vilanova dos Infantes.
"Estamos aínda consternados despois de oito anos. Sabemos que isto non acaba aquí, ata que pasen vinte anos. Sei que se están preocupando diste tema pero unha vez que se levantou o acto sumarial e non houbo probas é moi difícil, non é doado".
O recordo do párroco segue presente, agora unha asociación xuvenil co seu nome botará a andar en Vilanova.
"Despois de oito anos non todo o mundo se esqueceu, pero esperamos darlle máis forza con esta asociación e que polo menos non caia nunca no esquecemento, e que se faga xustiza", explica Javier Antelo, membro da asociación Adolfo Enríquez.
Mañá, contra as sete e media da tarde, os veciños daranse cita na praza de Vilanova para lembrar o seu párroco e facer unha ofrenda floral na súa tumba. Piden que non se esqueza o seu nome e confían en que o tempo axude a pórlles nome aos culpables.