Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un ano dos incendios máis grandes da historia de Galicia no Courel e Valdeorras

Un ano dos incendios máis grandes da historia de Galicia no Courel e Valdeorras

Entre os dous arrasaron unhas 22.000 hectáreas e levaron por diante 85 construcións e obrigaron a realoxar unhas 1.200 persoas

Comeza a poder verse verde nas zonas queimadas, mentres os veciños seguen coa reconstrución das súas casas

G24.gal 15/07/2023 15:04 Última actualización 15/07/2023 15:30

Esta semana cúmprese un ano dende que tiveron lugar os incendios en Valdeorras. Os seus efectos son aínda visibles en moitas localidades da comarca. Por exemplo, na aldea de Alixo, no Barco de Valdeorras, lembran ben como foi o incendio de hai un ano. O rápido que chegou o lume, os desaloxos, as casas ardidas e unha paisaxe que aínda hoxe tenta recuperarse dos estragos provocados polas lapas. A preocupación, din, é inevitable. Aquí unhas quince vivendas víronse afectadas polo lume, no incendio de hai un ano.

Esta é unha delas. Está xusto enfronte da de Mari, que conseguiu salvar a súa grazas á axuda dun veciño.

"Isto é desolador, aquí estaba todo cheo de xente no verán que viña xente de vacacións. E agora quen vén? Non vén ninguén, está todo ardido."

Aquí arderon unhas 125 hectáreas, case todas de monte arborado, e sobre todo castiñeiros.

"A nós ardéronnos dezanove castiñeiros, recuperáronse algúns pero os dezanove practicamente xa non volven dar. É que a cousa foi moi seria." 

As axudas económicas permitiron reconstruír algunhas das vivendas afectadas, outras foron derrubadas ou caeron, as máis seguen agardando a poder comezar os traballos de rehabilitación. O caso é que a preocupación entre os veciños segue presente.

"A xente ten medo, anda rozando todo porque pode prender lume todo por aí."

"Medo temos de que volva, porque agora isto enverdeceu pero a herba volve estar seca, entón pode ser outra vez. Foi moi forte o que vivimos. É que vías que estaba alí e de golpe é que parecía que che chegaba aquí. Foi horrible."

O Barco e Carballeda de Valdeorras , Rubiá. En tan só dúas semanas do mes de xullo arderon nestes tres concellos unhas doce mil hectáreas. Foi o peor incendio dos que se teñen rexistrado na provincia de Ourense.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade