Cunchas de mexillón para fabricar mobles de formigón ecosostible
Cunchas de mexillón para fabricar mobles de formigón ecosostible
O proxecto desta empresa de Cambre contou coa colaboración da UDC e financiamento europeo
Desde mesados de cociña, estantes ata lámpadas ou lavabos. Boa parte do mobiliario que se expón nunha empresa de Cambre está fabricado con formigón reciclado producido con cunchas de mexillón.
"Buscamos que non teña penetración e que sexa difícil facerlle unha abrasión. Conseguimos que o formigón aguante ata os 400º e que non penetre nin o aceite nin o vinagre, nin acetonas usadas nos baños nin os xabóns", explica César Amil, xerente xunto á súa irmá Rocío da empresa Ramos Proxectos e Obras.
A iniciativa dos irmáns Rocío e César fíxose realidade froito dun proxecto de I+D+i que contou coa colaboración da UDC e financiamento europeo. No proceso de produción do formigón, substitúen máis do 50 % do árido convencional por refugallos de cunchas mariñas.
"Compramos un árido a empresas que se dedican a iso que o que fan é coller cuncha de bivalvo e mexillón e tritúranas. Sácanlles todo tipo de sales e ou residuo que poida ter. Nós usamos en lugar dun árido de canteira árido de cuncha de bivalvo e outra parte de árido de residuos de construción".
Un proxecto de economía circular que permite a elaboración de mobiliario sostible.
"É un produto ecosostible e entón as persoas que están máis sensibilizadas coa reciclaxe e a sostibilidade do produto pois loxicamente valórao".
Na súa comercialización o proxecto conta co apoio do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro.