Curiosa coincidencia na Bonoloto: repítense sete números de oito en 48 horas
Curiosa coincidencia na Bonoloto: repítense sete números de oito en 48 horas
Amaño ou coinicdencia? É a suspicacia que está nas redes sociais tras a correspondencia case total na combinación dos sorteos do xoves e do sábado desta semana
O último sorteo da Bonoloto levantou as suspicacias entre os xogadores polos números premiados. E é que no deste sábado 11 de marzo resultou agraciada unha combinación case na súa totalidade igual que a que saíu o xoves 9 de marzo. Trátase dunha rara coincidencia: os números coinciden en cinco dos seis números da combinación gañadora, e son tamén coincidentes o número complementario e o reintegro.
Esta extraordinaria repetición, advertida por un usuario de Twitter, suscitou nesta rede social debates sobre a probabilidade matemática de que ocorra algo así, e non falta quen xa fale de amaño nos sorteos.
No sorteo do 9 de marzo resultou gañadora a combinación 8, 21, 23, 40, 43 e 47, co número complementario 26 e o reintegro 7.
Pois ben, tan só 48 horas despois o sábado 11 de marzo a agraciada foi a combinación 8, 21, 23, 28, 40 e 47, co número complementario 26 e o reintegro 7. Non houbo gañador do sorteo do xoves, pero si do sábado: levou case 2,6 millóns de euros. Foi para un boleto selado con seis acertos na localidade valenciana de Moncada.
No do xoves non houbo acertantes polo que houbo un bote de 1,9 millóns de euros. Quedan agora abertas todas as especulacións sobre as probabilidades de que isto poida pasar. E aferrarse ás leis da probabilidade e a estatística para un debate sobre se as coincidencias son totalmente posibles ou non.