Dá positivo o condutor do coche en que faleceron catro mozos en Xove
Dá positivo o condutor do coche en que faleceron catro mozos en Xove
O xulgado que leva a investigación autorizou a extracción de sangue para realizar a proba de alcoholemia ao estar o condutor aínda ingresado na UCI do hospital Lucus Augusti
O outro sobrevivente está a ser investigado polo delito de omisión do deber de socorro
O condutor do coche que sufriu un accidente o pasado 1 de abril en Xove, no que faleceron outros catro mozos -con idades comprendidas entre 17 e 19 anos-, deu positivo por consumo de alcol, despois de que o Xulgado de Viveiro que leva o caso autorizara as análises do sangue que lle foi extraído.
O mozo, de 19 anos de idade, que quedou ferido de gravidade no sinistro, segue ingresado na unidade de coidados intensivos (UCI) do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).
De feito, as probas toxicolóxicas, de cuxo resultado estaban pendentes os investigadores da Garda Civil de Tráfico que se fixeron cargo do caso, foron realizadas coas mostras de sangue que lle foron extraídas no hospital.
Para isto fixo falta a autorización correspondente por parte do Xulgado de Instrución número 2 de Viveiro, que asumiu a causa en funcións de garda.
“Os investigadores xa dispoñen dos resultados das análises oficiais das probas toxicolóxicas que se realizaron ao condutor do vehículo, lanzando estas probas resultado positivo en consumo de alcol”, confirmou a Garda Civil mediante un comunicado.
O condutor do vehículo e outro mozo, que quedou ferido leve, foron os únicos sobreviventes do tráxico accidente que conmocionou a comarca da Mariña e, de forma especial, o municipio de Ribadeo, localidade da que eran os falecidos e os dous feridos.
Investigado outro ocupante por omisión de socorro
En canto ao outro sobrevivente, un dos dous ocupantes que levaba posto o cinto de seguridade, está a ser investigado polo delito de omisión do deber de socorro, "ao ausentarse do lugar do sinistro sen socorrer aos outros ocupantes do vehículo nin demandar auxilio".
O accidente produciuse no quilómetro 1.100 da estrada LUP-2604 nunha curva pronunciada na Rigueira, nas proximidades da urbanización Palmeiro, en Xove. Foi un veciño quen ás 9:40 horas dese sábado 1 de abril quen deu co coche, pero estímase que o sinistro ocorreu varias horas antes. No asfalto non quedaron sinais de freada do vehículo.
O xulgado número 2 de Viveiro só practicou como dilixencia, ata o momento que transcendese, esa petición de análise de sangue do condutor no laboratorio e indicou que estaba á espera da evolución do ferido grave, posto que actualmente non se lle pode tomar declaración.
Os mozos, de entre 17 e 19 anos, foron enterrados o luns 3 de abril. Este martes, co regreso ás aulas despois das vacacións de Semana Santa, tivo lugar un acto de homenaxe aos falecidos e establecéronse os protocolos, incluídos equipos de psicólogos, para acompañar os compañeiros das vítimas mortais.