Publicador de contidos
Publicador de contidos

Dan por seguro que os restos achadados en Cabío son do veciño desaparecido en 2008

Dan por seguro que os restos achadados en Cabío son do veciño desaparecido en 2008

Crese que a variación da vexetación polo crecemento das árbores deixou ao descuberto o esqueleto do octoxenario da Pobra do Caramiñal desaparecido hai case quince anos 

Imaxe deste mércores no lugar preto do Castriño onde un veciño achou os restos óseos e téxtiles
G24.gal 02/11/2022 14:01

O achado que houbo este luns ao mediodía nunha braña ao lado de Cabío vencéllase co caso do veciño de 88 anos, Antonio, desaparecido en xaneiro de 2008.

O seu fillo guiounos ao lugar onde un home de paseo co can alertou do achado neste punto próximo ao Castriño, onde a variación da vexetación en máis de 14 anos deixou os restos á vista. Segundo nos dixo, ten claro que son os de seu pai:

"Polas roupas.... Coincide todo. Dubido moito de que non sexa el. Eu penso que si.
Ao cen por cento que é el. Isto non é unha suposición. Hai uns feitos; a roupa que levaba o día da desaparición que eu non a vín, pero é a mesma, a gorra, o pantalón. O bastón non se sabe del, pero xa podrecería... en catorce anos".

Apareceu a pouco máis dun quilómetro en liña recta da casa onde vivía Antonio González Santos,  cuxa desaparición mobilizara a veciñanza en batidas pola zona en que adoitaba moverse. A vexetación alta que habería entón neste monte da Pobra do Caramiñal, sospeitan, impediu atopalo daquela. Pasaron case quince anos e a especulación sobre o caso semella superada cos restos achados e para a familia chegou certo alivio.

"Sempre che queda na cabeza que non sabes que pasou e por fin é un alivio. Ao día seguinte e sen aparecer xa temía que morrera. Nese tempo e a esa idade e toda a noite fóra... morres de frío. Ademais, chovía aqueles días", afirma Antonio González Fernández, fillo do desaparecido en 2008

Por outro lado, expresa malestar porque non os chamou ningunha autoridade vencellada co levantamento dos restos óseos e téxtiles:

"Non se dirixiu a min ninguén, para nada. Cousa que me sorprende".

Agora están á espera de que as análises científicas confirmen o que a familia e o seu círculo dan por seguro.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade