David Ferreiro regresa a Galicia para xogar no Arenteiro
David Ferreiro regresa a Galicia para xogar no Arenteiro
Aos 36 anos e logo dunha traxectoria exitosa con 72 partidos en Primeira, o ourensán volve á súa terra
Dentro da profunda reconstrución do Arenteiro hai unha novidade que resalta por riba do resto. David Ferreiro (Ourense, 1988) volve aos 36 anos á súa casa para xogar no Carballiño. Ás súas costas, unha exitosa traxectoria con máis de setenta partidos na Primeira División.
Formado nas categorías inferiores do desaparecido C. D. Ourense, David buscou o éxito en equipos de toda España. Destacou no Cádiz, Racing de Santander ou Hércules, ata que en 2014 asinou co Lugo. No Anxo Carro estivo dúas campañas xusto antes de dar o paso definitivo na súa carreira, a fichaxe polo Huesca.
Alí, converteuse nunha peza moi importante dun club que acadou dous ascensos a Primeira División. Foron seis temporadas que puxeron a fin en 2022. Cartaxena e Málaga foron os dous últimos destinos antes de volver a Galicia. O Arenteiro ten un interior de primeiro nivel que será un dos líderes do equipo.