De La Barrera revitaliza o equipo do Deportivo e a súa afección
De La Barrera revitaliza o equipo do Deportivo e a súa afección
Goleada por 4-0 diante do Alxeciras con dobrete de Svensson
Gran gol do canario Yeremay, unha das novidades no equipo titular
A estrea de Rubén de la Barrera no banco do Deportivo non puido ser mellor. O equipo e a afección, sumidos nun clima moi negativo nas últimas datas de Óscar Cano, estaba pedindo a berros un troco e iso notouse sobre o céspede de Riazor.
Aos tres minutos Svensson xa tiña marcado o primeiro gol. E no minuto dez Yeremay argallou unha xogada mestra coa que superou o porteiro do Alxeciras. Rubén Miño errou con estrépito antes do descanso e iso aproveitouno Soriano para marcar o terceiro e deixar o partido resolto antes do descanso.
Había vinte mil seareiros e despois de moitas xornadas un ambiente festivo. A titularidade do canario Yeremay, do capitán Álex Bergantiños, a entrada no partido do xuvenil Mella. Foron acenos de De La Barrera á bancada que será un factor determinante na fase de ascenso. O cuarto gol, marcado tamén por Svensson, redondeou unha goleada que tranquiliza o ambiente de Riazor.