Publicador de contidos
Publicador de contidos

Declaran culpable de homicidio o home que matou o irmán cun sacho en Salceda

Declaran culpable de homicidio o home que matou o irmán cun sacho en Salceda

A Fiscalía tivo en conta neste "delito horrendo e repugnante" a circunstancia atenuante de confesión e a agravante de parentesco e mantén a petición de 13 anos de condena

G24.gal 07/11/2022 19:27

O xurado popular declarou culpable por unanimidade do delito de homicidio a Santos Caballero, un veciño do municipio pontevedrés de Salceda de Caselas acusado de matar o seu irmán Anxo golpeándoo cun sacho.

A fiscal considerou que neste caso o labor dos membros do tribunal popular é sinxelo, xa que o acusado confesou, desde o primeiro momento, ser o autor da morte violenta do seu irmán Anxo "golpeándoo cun sacho na cabeza".

Recoñeceu os feitos

No seu veredicto o xurado considera probado que o acusado acudiu xunto ao seu irmán "actuando coa intención de acabar coa vida de Anxo ou asumindo que coa súa acción podía acabar coa súa vida".

Como elementos de convicción nesta resolución apuntan o recoñecemento dos feitos por parte do propio procesado, o testemuño da viúva da vítima e o informe das médicos forenses que determinaron como causa da morte os golpes na cabeza propinados coa aixada.

O relato do sucedido

Durante a vista oral deste luns, relatou os feitos ocorridos o 30 de agosto de 2019. Segundo declarou, sobre as 20.15 horas da tarde "ía recoller as ovellas" cando viu o seu irmán noutra leira e achegouse a el para pedirlle explicacións por un espello retrovisor roto.

Ao velo, a vítima chamou por teléfono a muller para que acudise.

Santos C. accedeu á leira do seu irmán saltando un valado e cun pau na man. O acusado dixo que o seu irmán o insultou e que o agrediu: "deume co legón".

El respondeu collendo "un pau, que era un sacho" e deulle "dúas ou tres veces", unhas agresións que causaron a morte de Anxo C. unhas horas despois no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Despois, indicou que colleu "o teléfono e desde a leira xa chamou a Garda Civil". De alí saíu andando ata a súa casa, a onde chegou descalzo, algo do que "nin conta" se deu.

A continuación, duchouse e esperou os axentes da Benemérita no camiño.

"Aí o tes, entérrao"

A viúva da vítima, e testemuña principal nesta causa, declarou no xuízo que cando acudiu á chamada do seu marido viu como Santos C.  o golpeaba tres veces coa aixada na cabeza e que despois lle dixo: "Aí o tes, entérrao".

Coa voz entrecortada e entre saloucos, a muller explicou que se atopou o seu esposo tirado no chan cheo de sangue e que "tiña unha orella cortada".

Unha vez escoitadas estas dúas versións, as partes renunciaron ao resto das testemuñas e só interviñeron as forenses do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) que practicaron a autopsia ao cadáver e certificaron que recibiu tres golpes co sacho "cunha gran forza viva" na cabeza.

Un delito horrendo e repugnante

A Fiscalía tivo en conta neste "delito horrendo e repugnante" a circunstancia atenuante de confesión e a agravante de parentesco e que "voluntariamente, á mantenta, o acusado golpeou o seu irmán co fin de matar" como, ao seu xuízo, demostra "onde se dan os golpes, con que lle golpea e a reiteración deses golpes".

A fiscal mantivo a súa petición de 13 anos de cárcere para o acusado como autor da morte violenta do seu irmán e pide tamén que se lle impoña a prohibición de achegarse a menos de 500 metros e de comunicarse coa esposa e os dous fillos da vítima.

Ademais, o Ministerio Público solicita que indemnice a muller con 200.000 euros e os fillos con 300.000, respectivamente, así como todos os gastos que tivesen que pagar por mor da morte do seu pai.

O xurado tamén expresou a súa oposición, por unanimidade, a que se lle conceda a suspensión da execución da pena ou o indulto a Santos Caballero.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade