Publicador de contidos
Publicador de contidos

Declaran nulo o cesamento do interventor de Ourense e ven probado o acoso do alcalde

Declaran nulo o cesamento do interventor de Ourense e ven probado o acoso do alcalde

O funcionario recupera o seu posto despois de ser cesado das súas funcións por Gonzalo Pérez Jácome

A decisión conclúe que a conduta do alcalde é constitutiva dun delito de acoso no traballo

Imaxe de arquivo do alcalde de Ourense Imaxe de arquivo do alcalde de Ourense
G24.gal 06/06/2024 17:09 Última actualización 06/06/2024 20:55

O Xulgado do social 1 de Ourense estimou a demanda formulada polo interventor do Concello de Ourense, Gonzalo Alonso, contra o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome e, por extensión, contra a Administración local, de maneira que o funcionario recupera o seu posto despois de ser cesado das súas funcións polo rexedor.

Recentemente, o Concello anunciara que Alonso volvía ao seu posto.

A decisión, contra a que aínda cabe recurso, conclúe que a conduta do alcalde é constitutiva dun delito de acoso no traballo.

Por iso, declara a nulidade de todas as actuacións, incluído o expediente de cesamento do interventor, e condena ao alcalde e ao Concello para acabar coa "actitude de acoso" e a repoñelo "inmediatamente" no seu posto de traballo, ademais de indemnizalo con 30.000 euros.

O Xulgado considera probado que como consecuencia dun informe emitido polo alcalde presentado nunha sesión plenaria do 1 de agosto de 2023, o alcalde "iniciou unha campaña de desprestixio" contra o interventor.

Dita campaña levou a cabo "nos plenos do Concello e redes sociais" coa finalidade de "xustificar ante a opinión pública" o futuro cesamento do interventor por "resultar un funcionario incómodo".

A resolución indica que o funcionario foi "sometido a un proceso de acoso, coa finalidade de destituílo do seu cargo" no que constitúe unha "actuación desproporcionada" por parte do alcalde que "non ten máis finalidade que a de danar a integridade psíquica do traballador".

Segundo as probas achegadas, o alcalde "confunde a súa posición de xefe de persoal co seu papel político, e non ten en conta os deberes anteriormente relatados no seu trato co actor, nos plenos e redes sociais".

Jácome actuou "coma se o demandante fose un funcionario común do Concello, sometido ao principio de xerarquía en toda a súa extensión, pero con esquecemento de que toda a lexislación especial que regula ao persoal funcionario con habilitación de carácter nacional ten como misión protexer a súa autonomía funcional", apunta o ditame.

Subliña que a normativa vixente só faculta aos alcaldes para impoñer sancións por faltas leves.

Finalmente, aprecia responsabilidade do Concello demandado por non haber "actuación algunha, a pesar da denuncia efectuada polo demandante, tendente a paliar a situación sufrida por el".

Condena da oposición

 O grupo municipal do Partido Popular en Ourense mostrou o seu rexeitamento a todas as prácticas "de acoso e fustrigación" por parte do goberno de Ourense e, en particular, do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome cara aos funcionarios e traballadores municipais.

Nun escrito, acusou ao rexedor ourensán de "deteriorar o clima de traballo" nos últimos anos no consistorio municipal coa súa actitude.

Doutra banda, o PP preguntou "quen vai pagar" os 30.000 euros de indemnización fixados na sentenza.

 O grupo socialista criticou "a situación de acoso" ao interventor, nas diversas manifestacións fo alcalde realizadas tanto nos plenos como nas redes sociais e pediu a súa dimisión.

“A sentenza recolle e tipifica unha conduta que aos membros socialistas non nos resulta allea: o continuo abuso da súa posición con difamacións, calumnias e insultos que exceden, con moito, a crítica política e que só teñen como finalidade danar unha persoa", sinalou a edil socialista, María Fernández Ojea.

Nun comunicado remitido aos medios, lembrou que non é a primeira sentenza contra o concello por acoso laboral, tras lembrar a denuncia por parte da xefa da Policía Local, María Barreira.

O BNG asegurou que esta resolución demostra que o cesamento "non tiña base legal", dado que se trata dun alto funcionario, que fora nomeado por concurso.

Para a formación nacionalista, o cesamento "obedecía non a cuestións técnicas senón que estabamos diante dunha persecución e unha caza de bruxas contra todos aqueles funcionarios que simplemente fan o seu traballo con obxectividade e rigor" e responde á "incapacidade manifesta de Jácome, que busca permanentemente culpables ante a insostible situación económica do concello".

A voceira, Luís Seara, acusou a Jácome de seguir xestionando o concello coma se fose a súa empresa privada "Jolper”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade