Decretan a apertura de xuízo oral na peza principal da operación Pokémon
Decretan a apertura de xuízo oral na peza principal da operación Pokémon
Once investigados e dúas empresas serán xulgados por supostas irregularidades na concesión do servizo de guindastre municipal
O Xulgado de Instrución número 1 de Lugo decretou a apertura de xuízo oral a once investigados na peza principal da operación Pokémon. Tamén a dúas empresas, polas supostas irregularidades cometidas na concesión do servizo de guindastre municipal por parte do Concello de Lugo á compañía asturiana Cechalva, en 2005, así como pola suposta existencia dunha caixa B na empresa para pagar os subornos pactados.
Entre as once persoas que sentarán no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Lugo figura o expresidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e extenente de alcalde do Concello de Lugo, Francisco Fernández Liñares.
A fiscalía acúsao de cometer delitos de suborno, prevaricación, branqueo de capitais e violación de segredos por parte dun funcionario público. Por iso, solicita que sexa condenado a nove anos e medio de cárcere, ao pago dunha multa de 950.000 euros e á inhabilitación para emprego ou cargo público durante 32 anos.
Para a persoa que supostamente actuaba como intermediaria entre a empresa Cechalva e o político implicado piden sete anos e oito meses de cárcere por aproveitamento de información privilexiada, suborno, falsidade en documento mercantil e contable.
Dos mesmos delitos están acusados tres socios da empresa, para quen o fiscal esixe penas de entre dous e sete anos de prisión.
Outras dúas persoas investigadas están acusadas de cometer un delito de falsidade en documento mercantil, polo que se enfrontan, respectivamente, a unha petición de seis meses e dun ano e nove meses de cárcere.
Por último, o Ministerio Público solicita tres anos e medio de cárcere para un acusado dun delito de branqueo de capitais; e, para outro sospeitoso do mesmo delito, catro anos de prisión.
Ademais, para cada unha das dúas empresas implicadas, demanda o pago dunha multa de 4.050 euros e a inhabilitación por un prazo de sete meses para obter subvencións e axudas públicas, para contratar no sector público e para gozar de beneficios e incentivos fiscais ou da Seguridade Social.