Liñares acepta dous anos e medio de cadea pola adxudicación irregular do servizo de guindastre de Lugo

Co acordo coa Fiscalía, o que fora tenente de alcalde de Lugo consegue unha rebaixa da condena a prisión de sete anos

Os outros 10 acusados da peza principal da Pokémon tamén chegaron a un acordo co Ministerio Público e verán reducidas as penas

G24.gal 10/11/2023 17:27

Os 11 acusados na peza principal da operación Pokémon relacionada coa adxudicación do servizo do guindastre municipal en Lugo, entre eles o que fose tenente de alcalde de Lugo Francisco Fernández Liñares, chegaron a un acordo sobre a súa condena coa Fiscalía que rebaixa as súas penas.

Deste xeito, os 11 acusados recoñecen a autoría dos delitos que lle imputaba a Fiscalía, con algunhas modificacións para beneficiarse de rebaixas das condenas, tanto nos anos de prisión que serán condenados como no referente ás multas que se lles esixen.

Con este acordo, o xuízo non terá que celebrarse e bastará cunha sesión na que se ratifique o acordo. Entre os acusados está o que fose concelleiro de Urbanismo de Lugo Francisco Fernández Liñares, a quen o Ministerio público acúsao de delitos de suborno, prevaricación, branqueo de capitais e violación de segredos por funcionario público.

Aínda que o Ministerio fiscal, tal e como figura no auto de apertura de xuízo oral, solicitaba que fose condenado a penas que sumaban nove anos e medio de cárcere e 32 de inhabilitación, co acordo a súa pena sitúase en dous anos e seis meses de cárcere, inhabilitación para emprego ou cargo público por varios anos e multas que suman máis de 100.000 euros.

O xuízo, unha década despois da operación

En novembro de 2022 o xulgado de instrución número 1 de Lugo decretou a apertura de xuízo oral por esta peza na que se investigaron supostas irregularidades cometidas na concesión á empresa asturiana Cechalva do servizo do guindastre da cidade de Lugo. Todo iso despois de que en outubro de 2021 o xulgado concluíse a investigación da peza principal da macrocausa iniciada pola xuíza Pilar de Lara, apartada anos máis tarde do número 1 de Lugo por dilacións indebidas.

Más dunha década despois de que arrincase unha operación que derivou na investigación de decenas de persoas, incluídos varios cargos políticos de distintas corporacións galegas e doutras comunidades, a trama principal encamiñouse cara ao xuízo con Liñares como principal acusado.

O exmandatario socialista situouse como o principal acusado da adxudicación fraudulenta no ano 2005 do servizo do guindastre municipal a Cechalva, compañía que tamén figura como acusada xunto a outra empresa, Sanle. Ambas as entidades son condenadas por un delito contable a senllas multas. Ademais, á primeira delas inhabilítalla para obter subvencións, axudas e contratar coa administración pública polo prazo de tres meses.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade