Democracia Ourensana asegura que "non vai bloquear" a investidura de Rueda
Democracia Ourensana asegura que "non vai bloquear" a investidura de Rueda
Armando Ojea afeoulle a Rueda que non fixese "unha soa mención á provincia de Ourense"; confía en que o novo Goberno non sexa "continuísta", pero vaille dar "unha marxe de confianza"
O deputado de Democracia Ourensá (DO) e único integrante do grupo mixto, Armando Ojea, considera que o discurso realizado polo candidato popular foi "o máis plúmbeo" que escoitou na súa vida e que estivo cheo de "vaguidades" e de "xeneralidades".
Critica que na súa alocución "non fixese unha soa mención á provincia de Ourense" agás a alusión á candidatura de Patrimonio da Humanidade da Ribeira Sacra, que comparten Lugo e Ourense.
Ojea denuncia que a súa provincia está "discriminada", e espera que o novo Goberno de Rueda "non sexa continuísta" e que, de agora en diante, impulse "un proxecto máis persoal e acorde ás súas inquietudes" xa que "a Galicia de hoxe non é a Galicia que nos gusta na provincia de Ourense".
"Hai que darlle unha marxe de confianza"
O deputado de Democracia Ourensana afoulle ao candidato popular que falara "case todo o tempo" en clave nacional: "Non sei se pensa no seu subconsciente que é deputado ou senador", expresou.
Confía en que nesta nova etapa impulse "un proxecto máis persoal e acorde ás súas inquietudes". Cre que "hai que darlle unha marxe de confianza"; quere pensar que a liña "continuísta" que seguiu á fronte da Xunta se debeu ao Goberno que herdou de Núñez Feijoo despois de que este marchara a Madrid, e aclara que non ten pensado cambiar o sentido do seu voto e que "non vai bloquear" o seu nomeamento, aínda que tampouco teña "a capacidade de facelo".