Polémica en Paradela á conta dun muro particular que o Concello decidiu demoler
Polémica en Paradela á conta dun muro particular que o Concello decidiu demoler
O promotor asegura que a obra estaba en trámites de legalización e o Concello négao
Unha empresa contratada polo Concello de Paradela derruía un muro en Cerxedo, na parroquia de Castro de Rei de Lemos, por estar levantado cun tipo de granito que consideraron inadecuado.
Segundo os técnicos municipais, este material non se axustaba ao proxecto inicial, que contemplaba a construción dun valo tradicional con pedra da zona. Pero tanto o promotor da obra coma os veciños do lugar discrepan dese criterio.
Bautista Díaz, promotor da obra: "Dixeron que esta pedra non se adaptaba a esta zona, que tiña que ser pedra da zona e que tiñan que derrubarma, e derrubáronma. E deste material hai un montón de muros polo concello adiante".
A demolición do muro tivo un custo de preto de 4.000 euros, que o Concello de Paradela lle reclama ao promotor da obra. Pola súa parte, o dono do valo derruído, que investiu 10.000 euros en levantalo, anunciou que vai denunciar estes feitos no xulgado, de ser necesario pola vía penal.
Bautista Díaz, promotor da obra: "Se se tira o meu muro, haberá que tirar todos os que hai nestas circunstancias. Que os tiren todos ou que os legalicen todos. Eu non quero ser máis importante nin menos, senón coma os outros. Ou legalizan todos ou tíranse todos".
O promotor da obra asegura que o muro se encontraba en trámites de legalización, mentres que dende o Concello de Paradela sinalan que non era legalizable.