Cortan ao tráfico unha rúa do centro de Vigo por perigo de derrumbamento dun edificio deshabitado
Cortan ao tráfico unha rúa do centro de Vigo por perigo de derrumbamento dun edificio deshabitado
Unha parte da rúa Irmandiños no centro de Vigo segue cortada ao tráfico logo de que os bombeiros apuntalaran un edificio por risco de derrubamento. Os veciños alertaron o Concello ante o medo de que os balcóns exteriores puideran desprenderse. Á espera da valoración dun arquitecto, os informes municipais reflicten o mal estado xeral da vivenda.
Jorge Blanco, o propietario do hostal Ancla Dorada, a carón do edificio agora acordoado e apuntalado, cóntanos que o edificio levaba xa tempo con dous puntais pero que hai unha semana alguén os moveu. Un veciño dun edificio próximo viu perigo de derruba dos balcóns e chamou ao Concello de Vigo. A Policía Local acordoou a zona e os bombeiros engadiron un esteo como reforzo.
"Tivo que vir a policía a acordoar e os bombeiros a poñer un reforzo porque non pasa nada ata que pasa... Os balcóns teñen perigo e hai que aseguralos. E por iso o Concello, que xa tivo máis experiencias negativas, ten que facer ese traballo de asegurar o edificio. Por iso fixeron este traballo, que a min paréceme correcto", aclara Jorge Blanco, o propietario do hostal Ancla Dorada.
O edifico de tres andares na rúa Irmandiños, no centro de Vigo e próximo á zona de ocio de Churruca, moi transitada ao serán e á noite das fins de semana, está en risco integral por mal estado en xeral, segundo o Concello. Un arquitecto municipal concluirá o informe. A rúa Irmandiños e o xiro cara á rúa Martín Códax levan case sete días cortados ao tráfico.
"Pero isto ten como finalidade que o día de mañá tirarase ou farase sabe Deus que", prognostica Jorge Blanco, o propietario do hostal Ancla Dorada.
O edificio levaba máis de dez anos ocupado por unha nai e un fillo, cóntannos fóra da cámara varios veciños, nada problemáticos. Agora a vivenda está deshabitada.