Publicador de contidos
Publicador de contidos

Denuncian "grave colapso" no CHUS, con decenas de pacientes en corredores durante horas

Denuncian "grave colapso" no CHUS, con decenas de pacientes en corredores durante horas

G24.gal 27/12/2023 13:35

A Asociación de Pacientes e Usuarios do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) denunciou o “grave colapso” do servizo de urxencias con decenas de pacientes nos corredores durante horas.

Nun comunicado, exemplifican a situación coa xornada vivida este martes en que, a primeira hora da tarde, 32 pacientes graves permaneceron, en padiolas e cadeiras de rodas, esperando para ser atendidos.

Ao mesmo tempo, 34 pacientes co ingreso asinado ocupaban as zonas de traballo e atención en espera de que se lles asignase unha cama en planta.

Segundo explica o colectivo, a situación mesmo se agravou co paso das horas.

Respecto diso, a plataforma remarca que cando un “paciente grave é colocado nos corredores de acceso, non só se está producindo un agravamento da súa situación de saúde, senón que se está vulnerando ademais a súa esfera íntima, conculcando o dereito constitucional á dignidade e intimidade”.

Polo tanto, a asociación de pacientes advirte os responsables sanitarios que “non cabe xustificar esta situación baixo a consideración de que hai un aumento da demanda de atención non prevista e puntual”, xa que os problemas estacionais respiratorios e de gripe se reiteran todos os anos nestas datas.

Entenden que, polo tanto, a Consellería de Sanidade debería activar os plans de continxencia necesarios mediante a dotación de máis persoal no propio servizo de urxencias e en planta.

Reprochan así que, mentres a situación de colapso no centro hospitalarios é evidente, mantéñense “centos de camas pechadas por falta de persoal de enfermería e de facultativos”.

Esta situación evidencia, segundo a asociación de pacientes, unha “incapacidade manifesta” por parte da xerencia para afrontar os problemas de atención do servizo de urxencias e “que os inhabilita para seguir á fronte desta área sanitaria”. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade