Estabilizado o incendio de Baleira despois de arrasar 1.400 hectáreas
Estabilizado o incendio de Baleira despois de arrasar 1.400 hectáreas
Os medios de extinción tratan de arrefriar as zonas arrasadas polo lume e están moi pendentes do vento
Son catro os lumes que continúan sen apagarse en Galicia, todos eles na provincia de Lugo
A Garda Civil investiga como intencionados a maioría dos 105 incendios de Asturias
A Consellería do Medio Rural informou de que quedou estabilizado o incendio que comezou o pasado martes en Cubilledo, en Baleira, e que arrasou 1.400 hectáreas dese concello e dos municipios veciños da Fonsagrada e Ribeira de Piquín.
Neste momento os medios de extinción tratan de arrefriar as zonas arrasadas polo lume, sobre todo naqueles lugares onde as lapas poden volver prender e están moi pendentes do vento.
A media mañá quedaba desactivada a alerta, ao remitir o perigo para os núcleos de poboación. A Xunta de Galicia chegou a decretar a situación 2 de alerta.
A voracidade das lapas ameazou varios núcleos de poboación. Chegaron a ser desaloxados os veciños de Murias e da Cortevella, en Baleira, e os de Castañosín e Estremeiro, na Fonsagrada.
Ademais das aldeas evacuadas, outros núcleos de poboación tamén estiveron en perigo debido á proximidade do lume. Foi o caso de Silvadrosa, na Fonsagrada, onde os veciños loitaron contra as lapas cos seus propios medios.
Contra o incendio están a traballar máis de 40 brigadistas, unha vintena de axentes, outras tantas motobombas, dous avións e tres helicópteros. Ademais, o operativo conta coa presenza de 17 vehículos e de máis de 50 militares da UME.
Ademais do de Baleira, outros tres incendios máis permanecen activos, todos na provincia de Lugo, ao extinguirse os orixinados en Ourense.
En Lugo, o incendio de Viveiro, orixinado na parroquia de Vieiro, está estabilizado desde esta noite, cunha afectación estimada de 80 hectáreas.
En Alfoz continúa activo o xurdido na parroquia de Lagoa, con 90 hectáreas queimadas; e o de Taboada, na parroquia de Xián, controlado durante a mañá deste xoves, afecta a oito hectáreas.
En canto aos lumes forestais da provincia de Ourense, o que afectaba a Entrimo, parroquia de Venceáns, extinguiuse pasada a unha e media da note cunha afectación de 14 hectáreas, algunhas delas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.
Tamén se extinguiu o orixinado en Covelo, parroquia de Viana do Bolo, antes da medianoite. Afectou a 70 hectáreas, 30 rasas e 40 de con árbores.