Publicador de contidos
Publicador de contidos

Desaloxan 1.000 persoas polo incendio dun transformador nun instituto de Vigo

Desaloxan 1.000 persoas polo incendio dun transformador nun instituto de Vigo

A evacuación efectuouse sen feridos nin incidentes

As aulas están suspendidas ata novo aviso

G24.gal 08/01/2024 11:16 Última actualización 08/01/2024 13:40

O primeiro día de clase de 2024 arrancou cun bo susto no Centro Integrado de Formación Profesional Manuel Antonio de Vigo. Preto dun milleiro de mozos e uns noventa profesores foron desaloxados a primeira hora da mañá deste luns por mor dun curtocircuíto no centro de transformadores que foi rapidamente controlado. 

O director do centro, Iván Iglesias, conta que "houbo un corte de luz, detectouse un problema no centro de transformación e por iso se evacuou o centro, avisamos aos servizos de emerxencia e agora o centro está evacuado e o alumnado a salvo". 

A Rede de Centros Integrados de Formación Profesional conta cun plan de auto protección que seguiron ao pé da letra. Moitos pensaron que era un de tantos simulacros que fan. Como esta estudante que conta que "pensamos que era un simulacro de incendios, porque xa tivemos varios, pero non, comezou vir o persoal de mantemento, dixéronnos que tiñamos que correr, avisaron a todo o mundo e saímos e xa vimos chegar aos bombeiros, ambulancias, policía... e nos asustamos un montón". "A verdade é que foi un susto e menos mal que non lle pasou nada a ninguén", relata outra alumna do CIFP Manuel Antonio.

O centro conta con 1.700 alumnos repartidos en quendas de mañá e de tarde e imparte ciclos de seis familias profesionais. Malia que todo foi arranxado con celeridade, moitos aínda tiñan o susto no corpo.

"Eran sobre as nove da mañá, foise a luz e volveu, foise outra vez, e desta vez chegou un señor e nos dixo que estaba ardendo algo e tiñamos que saír, e marchamos escopetados para fóra", relata un rapaz. 

O centro confía en contar mañá coa subministración eléctrica necesaria para traballar cos ordenadores e os equipamentos de laboratorio e de cociña e así retomar as clases con total normalidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar