Desartellada a última rede de narcolanchas en Galicia
Desartellada a última rede de narcolanchas en Galicia
18 detidos e 21 planadoras incautadas
Un taller clandestino en Vilanova, epicentro da trama
A Garda Civil e a Policía Nacional pechan a operación Keromán-Samario, a culminación de ano e medio de pescudas tras a pista dun grupo especializado na chamadas narcolanchas. O fío definitivo atopárono en xaneiro, tras a incautación de 1.600 quilos de haxix.
Tirando del deron cunha organización de mecánicos, construtores e choferes encargados de fabricar e reparar estas planadoras de alta velocidade en que transportaban os seus propios alixos sobre todo no estreito de Xibraltar ou que poñían a disposición doutros grupos criminais ao longo de toda a península.
A operación desencadeouse o pasado 26 de abril, coa entrada nesta nave de Vilanova de Arousa. Camuflada baixo un prato de ducha atoparon a entrada ao taller subterráneo onde traballaban.
Os rexistros, coordinados polo xulgado número 3 de Cambados, desembocaron na incautación de 21 destas lanchas rápidas, 15 delas en Portugal; varios vehículos, incluída a cabeza tractora dun camión e dous remolques; e 80.000 euros en metálico.
Hai 18 detidos, entre eles o presunto líder a trama, o grovense Francisco Javier Otero Magdalena, arrestado en Alxeciras. É a segunda operación contra unha organización de narcolanchas en pouco máis dun mes en Pontevedra.