Publicador de contidos
Publicador de contidos

Desartellan en Cerdedo-Cotobade un dos laboratorios de coca máis grandes de Europa

Desartellan en Cerdedo-Cotobade un dos laboratorios de coca máis grandes de Europa

Hai 18 detidos, 11 en Galicia e uns 100 quilos de cocaína apreixada nunha operación que se desenvolve en Galicia, Madrid, Bilbao e As Palmas de Gran Canaria

G24.gal 22/03/2023 11:30 Última actualización 22/03/2023 21:20

Unha casa no medio do monte, afastada doutras habitadas e próxima a un río. Ata dous anos podería levar en Cerdedo-Cotobade o que parece ser o maior laboratorio de produción de cocaína desartellado en Europa.

O seu achado supón que as redes da droga dan un paso máis.  Xa non só descargan a cocaína nas costas galegas para ser distribuída. Agora optan por traer directamente a materia prima, a pasta de coca, máis fácil de camuflar, para procesala directamente aquí.

"É a enésima evidencia de que temos un grave problema co narcotráfico, non só en Galicia, tamén en España e en Europa. O que pasa é que en Galicia temos unha canteira inesgotable de traficantes e criminais que se dedican a isto", asegura Fernando Alonso, da Asociación Galega de Loita contra o Narcotráfico. 

No laboratorio había toda a infraestrutura e materiais para producir  grandes cantidades de cocaína. De feito no operativo atoparon un alixo duns cen quilos preparado para distribuír. A operación da Policía Nacional, coordinada desde a Audiencia Nacional, púxose en marcha tras detectar a chegada a Pontevedra de membros de diferentes redes criminais que presumiblemente viñan abastecerse.

"A importancia da infraestrutura desartellada é que era unha infraestrutura estable. Montar un laboratorio de estas dimensións e características require de unha estabilidade que non precisa a introdución dun alixo puntual", explica Alonso.

Hai 18 detidos, 11 en Galicia e o resto noutros lugares de España. Pero a particularidade deste laboratorio é que estaba controlado directamente por narcotraficantes suramericanos. É o segundo que lles descobren despois do desartellado en Madrid hai só seis meses. Entre os detidos hai cidadáns de Colombia e de México.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade