Descobren a estrutura dunha gran mámoa en Doade, Lalín

A escavación da mámoa do Coto do Santo de Pedra é a novena campaña arqueolóxica promovida polo Museo Etnográfico Casa do Patrón

Entre as pedras deste vestixio da cultura megalítica apareceu un pequeno ídolo co que o grupo humano que realizou o enterramento agasallou o defunto

G24.gal 31/10/2023 14:51

Unha gran mámoa, con preto de 30 metros de diámetro, acaba de ser escavada por primeira vez na comarca do Deza. A 700 metros de altitude, practicamente no centro xeográfico de Galicia, acaba de rematar a primeira sondaxe arqueolóxica da Mámoa do Coto do Santo de Pedra. É unha mámoa enorme, construída hai 5.000 anos polos grupos humanos que pastoreaban na zona.

"Tamén se presume que non só servían para enterrar os mortos, senón que tamén eran fitos no terreo. Aparecen sempre preto de cruces de camiños e na parte alta das mámoas moitas veces hai moito seixo", dixo Vanesa Trevín, arqueóloga.

Seixo branco colocado aló, porque se ve de lonxe, e co luar, e que informa sobre quen habita ese territorio. Da cultura dos devanceiros sabemos máis polos vestixios dos mortos que polos dos vivos, porque en Galicia non se conservan os ósos. Si se conservan os restos dos saqueos que estes megálitos sufriron reiteradamente desde a Idade Media.

 "As pedras están moi combadas, rotas, porque seguramente os saqueadores virían buscando tesouros, e deixaron todo feito un desastre. Tamén temos restos de cerámica, posiblemente tivese enxoval funerario, pero está perdido, de momento, porque aínda estamos detectando estruturas", explica a arqueóloga.

"Aínda están as probas do carbono 14 sen facer, pero estamos falando de fai 5.000 anos. Polo tanto, son os principios da nosa civilización, os primeiros seres humanos que pasaron por aquí", dixo Manuel Blanco Villar, presidente do Museo Etnográfico Casa do Patrón de Lalín, que promove a escavación. 

Atoparon tamén un pequeno ídolo feminino tallado en xisto, como agasallo ao defunto.

Todo, no Coto do Santo de Pedra. Grazas aos antropólogos sabemos que ese santiño é un ritual dos pobos prehistóricos que aínda se mantén en Doade: levantar o santiño cando querían que parase de chover e tiralo cando querían que volvese chover.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade