Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sanidade recomenda usar máscara nos centros sanitarios galegos

Sanidade recomenda usar máscara nos centros sanitarios galegos

Os virus respiratorios teñen 975 persoas hospitalizadas

Os contaxios por gripe A encabezan os ingresos

Estímase que as próximas dúas semanas serán as máis críticas

G24.gal 30/12/2023 13:52 Última actualización 31/12/2023 09:08

Estas datas de reunións familiares, aglomeracións e movementos entre cidades favorecen a propagación dos virus respiratorios. En Galicia, hai 975 persoas hospitalizadas por complicacións. Os contaxios por gripe A encabezan os ingresos, a poucos días do previsible pico de infeccións.

"Que ocorre?, que os síntomas e as complicacións se prorrogan un pouco máis, co que entendo que estas dúas primeiras semanas de xaneiro van ser críticas", avanza a responsable do servizo de urxencias do Álvaro Cunqueiro, Maite Maza.

Desde a Consellería de Sanidade recomendan volver usar a máscara para acceder aos centros de saúde e aos hospitais. E os sanitarios piden que os contaxiados non vaian de entrada ás urxencias, se só teñen síntomas leves.

"Unicamente en caso de que vexan que pasados uns días se agravan os síntomas, persiste a febre elevada ou o esputo é moi purulento. Aí podemos estar falando dunha complicación e sería conveniente que o vise o seu médico e acudise, se fose necesario, aos servizos de urxencias", explica.

Os médicos recordan que a campaña de vacinación contra a gripe e contra a covid continúa en marcha, tras ampliarse ata o 12 de xaneiro.

"Segue sendo moi relevante para os pacientes vulnerables e protexe tanto en canto a transmisión como a duración e a gravidade dos síntomas", insiste.

Maite Maza aconsella que se un ten síntomas evite as reunións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade