Publicador de contidos
Publicador de contidos

Desmantelado en Donostia o maior laboratorio de 'speed' de Europa

Desmantelado en Donostia o maior laboratorio de 'speed' de Europa

A Garda Civil incautouse de 800 quilos desta droga e detivo 8 persoas en distintos puntos de España

Fonte: Garda Civil Fonte: Garda Civil
G24.gal 22/05/2024 12:51 Última actualización 22/05/2024 13:29

A Garda Civil desmantelou nos arredores de San Sebastián o que considera maior laboratorio de speed de Europa nunha operación iniciada en Navarra en que se incautou duns 800 quilos desta substancia e realizou oito detencións en distintos puntos de España.

Explicárono en conferencia de prensa os responsables da operación Pecueco. Ademais a Garda Civil incautouse de oito quilos de MDMA, máis de 180.000 euros en efectivo, un revólver accionado por gas, 11 turismos e un camión, nos que transportaban as substancias.

A operación comezou coa detención en xuño de 2023 dun home de 42 anos, veciño de Bilbao, que transportaba no seu vehículo 40 quilos de 'speed'. Esta detención produciuse nun control de seguridade na peaxe de Zuasti (Navarra), en datas próximas a San Fermín.

Na investigación, os axentes localizaron varios puntos onde se realizaban intercambios de drogas, o que permitiu interceptar o pasado mes de febreiro en Berrioplano (Navarra) un camión que transportaba 42 quilos de 'speed'.

Poucos días despois interceptouse en Zarauz (Guipúscoa) outro vehículo coa mesma cantidade no seu interior, todo iso agochado en caletas que os narcotraficantes preparan nos vehículos para ocultar a droga.

Os axentes conseguiron localizar nunhas oficinas situadas nos arredores de San Sebastián o laboratorio onde se elaboraba e se empaquetaba o speed e desde onde se realizaban as viaxes para a súa distribución por toda España.

Nesta primeira fase, o pasado 17 de abril, realizáronse rexistros simultáneos no laboratorio e nas vivendas do 'cociñeiro' da droga e doutro home que colaboraba con el.

No laboratorio interviñéronse máis de 600 quilos de speed e numerosas substancias precursoras para a súa elaboración, ademais de 160.000 euros en efectivo na vivenda dunha das dúas persoas detidas nesta fase inicial.

Tras estas detencións, buscouse ás persoas que facían de transportistas da droga. Así, a principios de maio, un home ao que os investigadores tiñan relacionado coa trama foi interceptado circulando con 18.000 euros no interior dunha caleta que preparara no seu vehículo. Foi detido e posto ao dispor xudicial.

Despois desta detención realizáronse dous rexistros en domicilios deste grupo organizado que residían en Madrid. Nun deles foron localizados máis de 8 quilos de MDMA (éxtases) e múltiples utensilios para a elaboración de substancias estupefacientes.

Nos seus vehículos tamén foron achadas caletas para o transporte de drogas e fóronlles intervidas dúas armas brancas de gran tamaño e un revólver accionado por gas.

A operación concluíu coa incautación de 770,927 quilos de 'speed', 8,219 de MDMA, 500 gramos de haxix, substancias precursoras (75 quilos de cafeína, 88 litros de anfetamina líquida e 800 litros de diversos ácidos e alcois), 185.355 euros en efectivo, 2 coitelos de 20 e 21 centímetros de fío, un revólver accionado por gas, e 12 vehículos intervidos (11 turismos e 1 camión).

Detívose en total oito homes en Navarra, Guipúscoa, León e Madrid, de idades comprendidas entre os 35 e 58 anos. Actualmente todos eles están en prisión.

A investigación estivo dirixida en primeira instancia polo Xulgado de Instrución número 1 de Pamplona e posteriormente polo número 4 de San Sebastián.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade