Publicador de contidos
Publicador de contidos

Tres detidos en Galicia ao desartellar unha rede de venda de coches roubados

Tres detidos en Galicia ao desartellar unha rede de venda de coches roubados

Un dos arrestados é o dono dun taller de Pontevedra e outros dous foron detidos na provincia de Ourense

A rede alugaba coches de alta gama en Portugal e falsificaba a súa documentación para vendelos en Galicia

O delegado do Goberno fai un chamamento á tranquilidade dos compradores destes coches e di que os informarán cando remate a investigación

Momento da saída do detido despois do rexistro domiciliario na rúa Mestre Soutullo en Pontevedra
G24.gal 15/11/2022 14:24 Última actualización 15/11/2022 22:05

Polo menos vinte persoas foron detidas no transcurso dunha operación policial contra unha rede criminal organizada dedicada á compravenda ilegal de coches de alta gama.

José Miñones. Delegado do Goberno en Galicia

Un dos arrestados é un mozo dono dun taller de coches de Pontevedra. Outras dúas persoas foron detidas noutras localidades de Ourense e dezasete foron detidos en Portugal.

Os axentes rexistraron a vivenda do pontevedrés implicado na rede e tamén o taller de coches que rexenta na avenida de Montecelo e que quedou precintado.

Entre outras actuacións, os integrantes deste operativo policial comprobaron a documentación de todos os coches que estaban á venda neste concesionario.

En total houbo 8 rexistros en Pontevedra, Verín e Ourense.

Segundo fontes da investigación, os investigados adquirían mediante renting ou alugueiro automóbiles en Portugal e logo non os devolvían.  Despois vendíanos en Galicia de maneira ilegal tras manipular, entre outras cousas, a súa documentación e os seus números de bastidor para ocultar a súa orixe.

O delegado do Goberno en Galicia fixo un chamamento á tranquilidade dos compradores destes coches, que os adquirían de boa fe e sen saber que eran roubados, asegurándolles que recibirán a información correspondente cando finalice a investigación.

Nesta operación policial participan efectivos da Unidade de Droga e Crime Organizado (Udyco) e do Grupo de Resposta Especial para o Crime Organizado (Greco) da Policía Nacional, co apoio de axentes da Policía Local de Pontevedra.

Axentes da Policía Judiciaria portuguesa e da Europol están a colaborar na operación contra esta organización criminal que, ademais de en Portugal, poderían actuar tamén noutros países europeos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade