Desmantelan dúas redes que prostituían mulleres na Coruña e Córdoba
Desmantelan dúas redes que prostituían mulleres na Coruña e Córdoba
As mulleres eran captadas mediante o engano en Paraguai e vivían en situación de escravitude
Detivéronse seis persoas na Coruña e catro en Córdoba
A Policía Nacional, en dúas operacións coordinadas por Interpol e en colaboración coas autoridades paraguaias, desarticularon dúas organizacións criminais dedicadas a obrigar mulleres de Paraguai a prostituírense en pisos da Coruña e Córdoba, dos que non se lles permitía saír libremente.
Segundo informou a Dirección Xeral da Policía, foron liberadas sete mulleres —catro en Córdoba e tres na Coruña— e efectuáronse 14 detencións, 10 delas en España —catro en Córdoba e seis na Coruña. As outras catro detencións efectuáronse en Paraguai, entre as que se atopa a dun emerxente e coñecido cantante do país suramericano.
As organizacións, desmanteladas en dous operativos policiais diferentes, eran independentes e non tiñan vinculación entre si; con todo, o seu modus operandi contaba con moitos elementos en común.
A maioría das vítimas, mulleres novas en situación de vulnerabilidade e necesidade económica, eran captadas en Paraguai a través de redes sociais ou contactos asentados no país.
Unha vez convencidas mediante o engano, facilitaban a súa viaxe a España co fin último de sometelas a explotación sexual baixo condicións de escravitude.
As vítimas destas dúas redes eran controladas a través de cámaras de videovixilancia instaladas nos pisos: debían estar dispoñibles as 24 horas do día os sete días da semana; non podían elixir nin rexeitar ningún cliente nin tipo de servizo; non tiñan liberdade para decidir en que momento saír á rúa, e dos beneficios obtidos polo seu traballo só recibían unha porcentaxe.
Outro elemento común dos grupos desarticulados era utilizar diferentes webs de contactos sexuais para publicitar os servizos das vítimas, en cuxos anuncios aparecían teléfonos que só eran atendidos por membros das organizacións.
As redes non se lucraban unicamente do exercicio da prostitución, senón que tamén se dedicaban á venda de substancias estupefacientes e medicamentos para a disfunción eréctil aos clientes que o demandaban.
Nos oito rexistros domiciliarios realizados nas dúas operacións interveuse, entre outros obxectos, 19.700 euros en efectivo, cheques ao portador por valor de 63.000 euros, 35 títulos de propiedade de bens inmobles e vehículos, seis reloxos de luxo, seis vehículos, 24 teléfonos móbiles e 27 doses de cocaína.