Desmantelan o laboratorio de cannabinoides sintéticos máis complexo topado en España
Desmantelan o laboratorio de cannabinoides sintéticos máis complexo topado en España
Operaba desde facía dous anos nunha nave industrial de Morón de la Frontera (Sevilla)
A Policía Nacional interveu 15 quilos de metanfetamina e 121 quilos de precursores
Tamén toparon instrumental específico valorados en máis de 300.000 euros
Axentes da Policía Nacional desmantelaron en Morón de la Frontera (Sevilla) o laboratorio de cannabinoides sintéticos máis complexo atopado en España. Operaba desde había dous anos nunha nave industrial, comparable a unha planta piloto de calquera importante empresa química.
Un incendio nas instalacións precipitou a intervención das forzas de seguridade que toparon no interior un membro da organización con sinais evidentes de asfixia. Tras recibir asistencia médica, foi detido e permaneceu varios días hospitalizado.
Incautáronse de 15 quilos de metanfetamina, 121 quilos de precursores, instrumental de laboratorio valorado en máis de 200.000 euros e material de vidro valorado en máis de 100.000 euros.
A operación iniciouse a raíz da investigación dunha organización criminal con membros de Europa do Leste, cunha marcada presenza de cidadáns ucraínos e lituanos, que dispoñían da nave onde hai poucas semanas se declarou un incendio.
O lume, orixinado por unha estufa usada no procesamento de produtos químicos para a síntese de drogas, afectou principalmente o forno calefactor e xerou unha densa columna de fume negro que se estendeu rapidamente ás instalacións adxacentes.
Cuarto oculto no fondo da nave
Unha vez sufocado o incendio, descubriuse un cuarto oculto no fondo da nave, equipado cun laboratorio clandestino altamente sofisticado, que contiña unha gran cantidade de material e instrumental, así como reactivos e produtos químicos.
Deseñado con xanelas seladas, tiña un sistema de ventilación propio e unha complicada rede de reactores, propios dunha infraestrutura especializada na síntese de cannabinoides sintéticos.
Similar a unha empresa química
O poderoso laboratorio desmantelado é comparable a unha planta piloto de calquera importante empresa química. Concretamente, os axentes atoparon dous criostatos de gran capacidade para refrixerar e poder realizar reaccións a baixa temperatura.
Ademais, localizaron tres reactores de dobre encamisado de grandes dimensións e reactores de metal de aceiro inoxidable aptos para presión e reaccións complexas.
Tamén toparon un rotavapor, matrices de vidro e placas calefactoras, máquinas de envasado ao baleiro e un sistema de filtrado tipo Buchner para a filtración rápida de partículas sólidas e separación e purificación do produto final.