Desmantelan unha rede na provincia de Pontevedra que explotaba sexualmente mulleres estranxeiras
Desmantelan unha rede na provincia de Pontevedra que explotaba sexualmente mulleres estranxeiras
Os investigadores detiveron 4 persoas acusadas de delitos de prostitución coactiva, contra os dereitos dos traballadores estranxeiros e tráfico de drogas
As mulleres vítimas desta rede exercían a prostitución en pisos situados en varias localidades da provincia pontevedresa
Axentes da Policía Nacional e da Garda Civil, coordinados pola Fiscalía de Pontevedra, detiveron catro persoas e desarticularon unha organización criminal dedicada á explotación sexual, delitos contra os cidadáns estranxeiros e tráfico de drogas en pisos en que as vítimas eran obrigadas a exercer a prostitución.
A investigación iniciase en febreiro de 2022, coa análise de anuncios de servizos sexuais en distintas páxinas web. Durante meses, intensificáronse as pescudas chegando a localizar e situar diversos pisos en varias zonas da provincia de Pontevedra (Vigo, Pontevedra, Marín, Porriño, Cangas, Sanxenxo), onde se exercía a prostitución.
Coa investigación en marcha unha denuncia dunha posible vítima desta organización permite á Unidade de Policía Xudicial da Garda Civil de Pontevedra, identificar novas vítimas, declaradas como testemuñas protexidas, e que colaboraron nos traballos policiais.
Un dispositivo conxunto de Policía Nacional e Garda Civil, concluíu coa detención de tres mulleres, un home e un investigado non detido, aos que se lles imputan delitos de prostitución coactiva, pertenza a organización criminal, delitos contra dereitos dos traballadores, e tráfico de drogas.
Os axentes realizaron varios rexistros domiciliarios en diferentes localidades, dirixidos polo Xulgado de Instrución número 2 de Cangas, e coordinados polo titular da Fiscalía de Pontevedra, Área de Estranxeiría, e que ademais de achegar evidencias dos delitos investigados, conseguiron identificar a potenciais vítimas de explotación sexual.
O operativo conclúe coa localización de 5 pisos onde se exercía a prostitución por mulleres estranxeiras, quedando precintados pola Autoridade Xudicial.
As mulleres prostituídas nos diferentes domicilios investigados atopábanse en condicións abusivas, ao estar obrigadas a exercer a prostitución as 24 horas, sen apenas descansos, e a realizar prácticas insalubres, ademais de incitalas a consumir substancias estupefacientes.
Os investigadores, tras os rexistros e as pescudas, conclúen que a rede alcanzou durante estes anos uns beneficios de máis de setecentos mil euros.