Detectan catro focos de lingua azul en bovinos de Pontevedra e Ourense
Detectan catro focos de lingua azul en bovinos de Pontevedra e Ourense
A Xunta arrincará en marzo unha campaña de vacinación preventiva
Será obrigatorio vacinar bovinos e ovinos de máis de tres meses nas provincias de Ourense e Pontevedra e nas comarcas de Chantada, Terra de Lemos-Quiroga e Sarria
A Xunta comunicou ao Ministerio de Agricultura a detección de catro focos de lingua azul en bovinos en catro concellos das provincias de Pontevedra e Ourense: Castro Caldelas, Sarreaus, Fornelos de Montes e As Neves.
A raíz destes casos, o Goberno galego comezará unha campaña de vacinación preventiva e servizos de desinsectación por parte dos centros de limpeza e desinfección de vehículos que dependen da Consellería do Medio Rural.
A lingua azul é unha enfermidade vírica de carácter infeccioso non contaxioso, transmitida por diferentes especies de mosquitos do xénero Culicoides, que pasan a enfermidade pola picadura.
Nesta época non hai mosquitos transmisores, o que quere dicir que os animais detectados se infectaron antes do mes de novembro.
A lingua azul non é transmisible ás persoas, nin por contacto directo cos exemplares positivos nin por consumo de produtos cárnicos.
Declaración de zonas de restrición e vacinación obrigatoria
A declaración dos focos supón a creación dunha zona de restrición de, polo menos, un radio de 50 quilómetros ao redor dos casos detectados, considerando sempre comarcas veterinarias completas.
Segundo isto, a zona de restrición na comunidade inclúe as provincias de Ourense e Pontevedra na súa totalidade, e as comarcas veterinarias de Chantada, Terra de Lemos-Quiroga e Sarria, no sur de Lugo.
Así, nestas áreas será obrigatoria a vacinación de todos os animais da especie ovina e bovina de máis de tres meses de idade.
A partir de abril nestas zonas só se poderá autorizar o movemento de animais se proceden de explotacións vacinadas
Ademais, deberán ser transportados en vehículos que sexan desinsectizados antes da carga. A Consellería do Medio Rural xa está a organizar a realización da pertinente vacinación para comezar no próximo mes de marzo.
A última vez que en Galicia se detectou esta doenza foi nos anos 2008 e 2009.