Publicador de contidos
Publicador de contidos

Detéctase en Galicia un caso do virus do oropouche

Detéctase en Galicia un caso do virus do oropouche

En España son cinco os casos detectados, mentres que no resto Europa hai outros cinco máis

A maior parte dos casos son de viaxeiros provenientes de Cuba e o risco de contaxio é moi baixo, xa que se transmite pola picada dun mosquito que non está presente en Europa

G24.gal 08/08/2024 16:26 Última actualización 08/08/2024 19:36

O Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias notificou a existencia dun caso probable importado de enfermidade causada polo virus oropouche en Galicia. Segundo fontes da Consellería de Sanidade, trátase dun caso detectado no mes de xuño na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, que non precisou ingreso en ningún momento e que evolucionou favorablemente.

Detectouse en Galicia un dos cinco casos do virus do oropouche rexistrados en España. Trátase dun caso importado, polo que a probabilidade de transmisión xa en Galicia é moi baixa. A persoa afectada non precisou de ingreso hospitalario e evoluciona favorablemente.

Ademais dos cinco casos de España, detectáronse en Europa outras cinco persoas infectadas, das cales a maior parte foron contaxiadas en Cuba, onde xa se espallou por toda a illa. Este virus contáxiase pola picada dunha especie de mosquito que non está presente en Europa. Con todo, non hai garantías de que os insectos autóctonos non poidan transmitilo.

As aves e algúns mamíferos como primates e preguiceiros son os seus hóspedes naturais. Nos humanos, pode manifestarse como unha enfermidade febril aguda (con cefalea, náuseas, vómitos, dores musculares e articulares) de 4 a 8 días de duración, aínda que ocasionalmente pode provocar síntomas máis graves como hemorraxias e meninxites.

A infección por oropouche non é de declaración obrigatoria en España, pero ante o aumento de casos en América, o Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias fixo un chamamento ás comunidades para que comuniquen os positivos detectados en viaxeiros a pedimento do Centro de Prevención e Control de Enfermidades Europeo.

Ante a situación internacional, o CCAES espera que cheguen máis casos importados, pero insiste en que o risco de transmisión autóctona en España "é moi baixo".

Non hai nin vacinas nin medicamentos antivirais específicos para previr ou tratar o OROV, así que a única forma de tentar evitalo en caso de viaxar a Cuba ou países con gromos desta enfermidade é protexéndose mediante repelentes, roupa de manga longa ou mosquiteiros. Principalmente as mulleres embarazadas e persoas con enfermidades do sistema inmune ou crónicas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade