Publicador de contidos
Publicador de contidos

Deteñen catro persoas en Málaga dunha organización criminal tras unha estafa informática a unha empresa de Lugo

Deteñen catro persoas en Málaga dunha organización criminal tras unha estafa informática a unha empresa de Lugo

A autoridade xudicial xa decretou o ingreso en prisión comunicada e sen fianza dos catro arrestados

G24.gal 21/03/2024 11:46 Última actualización 21/03/2024 14:27

Catro persoas foron detidas na localidade de Vélez, en Málaga, no marco da operación Attacus iniciada na provincia de Lugo contra unha organización criminal que estafaba a empresas mediante ataques informáticos. Así informou a Garda Civil nun comunicado, no que detallada que a autoridade xudicial xa decretou o ingreso en prisión comunicada e sen fianza dos catro arrestados.

Na operación realizouse un rexistro domiciliario no que se incautaron pasaportes, documentos de identidade de diversas nacionalidades e contratos de traballo, entre outros documentos. Así como hardware e software para a fabricación ilegal da documentación falsificada. Os axentes puideron acreditar a fraude de máis de medio millón de euros a catro empresas situadas en territorio nacional, aínda que estiman que o total estafado ascende a un millón de euros e que o número de entidades afectadas pódese elevar a 20.

 As investigacións iniciáronse na comandancia de Lugo

"Partiu dunha empresa de Mondoñedo que foi vítima deste tipo de calotes. Usurpáronlle o correo electrónico para cambiar o número de conta e recibir eles o importe dun pagamento importante", explica Alberto Castro, membro do equipo de investigación tecnolóxica da Policía Xudicial da Garda Civil de Lugo.

No rexistro os axentes incautáronse de importante material.

"Era unha banda itinerante dun país da Unión Europea e captaba alí cidadáns para abrir aquí contas. Houbo un rexistro no domicilio e incautouse de numerosa documentación falsa, ademais de ordenadores e impresoras coas que facían estes documentos", relata Alberto Castro, membro do equipo de investigación tecnolóxica da Policía Xudicial da Garda Civil de Lugo.

O obxectivo da banda eran as empresas.

"Foi vítima tamén unha asociación de cancro de mamá, pero o obxectivo desta banda eran as empresas porque son as que fan transaccións máis grandes", conta Alberto Castro, membro do equipo de investigación tecnolóxica da Policía Xudicial da Garda Civil de Lugo.

A operación Attacus continúa aberta, hai máis persoas identificadas e non se descartan novas detencións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade