Deteñen dúas persoas en Lalín con 703 plantas de marihuana e 200 quilos de gromos

A droga alcanzaría no mercado un valor de 500.000 euros, segundo informou o instituto armado, que investiga os dous detidos, dous homes de 60 e 34 anos

G24.gal 07/11/2023 13:28

A Garda Civil detivo dúas persoas en Lalín (Pontevedra) que ocultaban nun antigo hotel da localidade máis de 200 quilos de gromos desecados listos para a súa distribución e 703 plantas de marihuana en proceso de secado.

A droga alcanzaría no mercado un valor de 500.000 euros, segundo informou o instituto armado, que investiga aos dous detidos, dous homes de 60 e 34 anos -da Rioxa e Lalín-, por un delito contra a saúde pública. Un deles quedou en liberdade tras declarar en sede policial e o outro foi posto en liberdade con cargos tras pasar a disposición xudicial.

A investigación, na que participaron axentes dos cuarteis de Lalín e Vila de Cruces, permitiu destapar unha segunda infraestrutura que estaba situada no interior dunha nave do municipio pontevedrés de Silleda, destinada no seu día para a cría de aves.

Nela, os detidos contaban con todos os elementos indispensables para o cultivo de cánnabis, incluídas cabinas portátiles de cultivo, extractores, deshumidificadores, control de temperatura e sistema de vixilancia.

A operación policial, que foi dirixida polo Xulgado de Instrución número 1 de Lalín, determinou a existencia de dúas empresas cuxa "actividade legal" era o cultivo de cáñamo industrial. Era, segundo os investigadores, unha "tapadeira" para a obtención e posterior distribución das partes de planta consideradas estupefacientes, os gromos xa secos, mediante documentación fraudulenta acerca da existencia de supostas sementes certificadas pola Unión Europea.

As plantas xa xerminadas para a recolección das flores do cánnabis escapaban aos controis comunitarios e da Consellería do Medio Rural. O cultivo, secado, transporte, procesado e distribución do cánnabis levaba a cabo desde as localidades de Silleda e Lalín, desde onde a droga era distribuída a nivel nacional a través de envíos por paquetería.

No rexistro das instalacións, a Garda Civil atopou, xunto coa droga, material eléctrico de cultivo, envasadoras ao baleiro, unha máquina eléctrica, envases, deshumidificadores, ventiladores, extractores con caixas insonorizadas ou carpas de cultivo. Tiñan ademais redes de secado de gromos suspendidas para interior, sistema de rega, básculas de precisión, máquinas de termoselado ao baleiro, máquina de envasado ao baleiro, tubos do sistema de ventilación, placas fotovoltaicas e un almacén de secado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade