Publicador de contidos
Publicador de contidos

Deteñen cinco persoas e investigan cinco máis que vinculan con planadoras aparecidas en Ribeira en 2023

Deteñen cinco persoas e investigan cinco máis que vinculan con planadoras aparecidas en Ribeira en 2023

As narcolanchas foran abandonadas en areais deste concello do Barbanza logo de realizar noutro lugar a descarga dun importante alixo de cocaína

Os axentes, amais dos arrestos e a identificación de sospeitosos, tamén comisaron varios moldes para a construción de planadoras semirríxidas

G24.gal 02/04/2024 15:01 Última actualización 03/04/2024 13:41

Axentes do GRECO Galicia e efectivos do Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA) desenvolveron nas últimas horas un operativo policial contra o narcotráfico que se saldou cun total de 10 persoas implicadas, cinco detidos e cinco investigados. 

Entre supostos involucrados, destacan dous relacionados con Sito Miñanco en anteriores operacións: un xa foi detido en Bilbao, e o outro aínda está sen localizar. A investigación está dirixida polo Xulgado de Instrución número 5 de Vigo, que declarou as dilixencias secretas.

Segundo informaron a Europa Press fontes coñecedoras da investigación, este operativo está relacionado coa investigación pola aparición de dúas lanchas planadoras na costa de Ribeira, nas praias de Espiñeiredo e O Rial, en febreiro de 2023.

Na xornada deste martes producíronse actuacións policiais nas localidades de Noia, Vilanova de Arousa, A Estrada, Bertamiráns e un rexistro nunha propiedade de Portonovo.

Ademais das persoas arrestadas e as investigadas, as forzas policiais interviron varios moldes para a construción de planadoras semirríxidas, así como un camión listo para transportar as embarcacións e que estaba nunha leira privada de Vilanova de Arousa.

As narcolanchas atopadas en Ribeira transportaban un importante alixo de cocaína que fora descargado de madrugada. Eran embarcacións de grandes dimensións, duns doce metros de eslora e con dous ou tres motores de trescentos cabalos cada un.

Apareceron baleiras de carga, con combustible nos depósitos. Os investigadores sospeitan que a descarga de droga, un alixo de cocaína, realizárase nun punto distinto a onde abandonaron as embarcacións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade