Deteñen o presunto autor dun atropelo intencionado no Barco
Deteñen o presunto autor dun atropelo intencionado no Barco
As vítimas son dous irmáns que están ingresados en estado grave
O detido é un veciño da vila, de 36 anos, que fuxiu do lugar e foi identificado horas despois
Os dous axentes da Policía Local que estaban de servizo foron os primeiros en socorrer foron os primeiros en chegar ao aparcadoiro público onde tivo lugar o atropelo. Os atropelados, dous irmáns da vila de entre 40 e 50 anos, estaban malferidos. Un no chan, sentado, e o outro apoiado sobre o capó dun coche.
Carlos Fariñas, Policía local do Barco de Valdeorras: "A persoa que estaba tombada no chan sangraba abundantemente pola boca e polo oído. Non se podía poñer de pé. Dicía que lle doían moito as pernas. E o que estaba sobre o capó do coche máis ou menos igual, que lle doía moito o peito".
Trasladáronos nun primeiro momento ao hospital do Barco e de alí a Ourense. Un deles segue na unidade de reanimación e o outro foi trasladado a planta, pero segue grave.
Carlos Fariñas, policía local do Barco de Valdeorras: "Algo que dicían os dous é que nos intentaron matar, que nos intentaron atropelar. Eran dous irmáns, dicía que a un irmán lle pasaron por riba co coche".
O presunto responsable do atropelo xa foi detido. Trátase, segundo informou a Garda Civil, dun home de 36 anos, veciño tamén do Barco. Nada transcendeu polo momento sobre os motivos polos que supostamente atropelou os dous irmáns para despois fuxir.