Deteñen un home por atar e agredir sexualmente a súa filla de seis meses
Deteñen un home por atar e agredir sexualmente a súa filla de seis meses
O arrestado supostamente gravaba as agresións en vídeo e compartía as imaxes en foros pedófilos
A nai da vítima recoñeceu a nena, o seu home e incluso o cuarto en que se produciu a agresión sexual, tras ver unha gravación que fora localizada por axentes da Garda Civil especializados neste tipo de crimes
A Garda Civil detivo en Madrid a un home de 32 anos por atar e agredir sexualmente a súa filla de seis meses de forma continuada no tempo, feitos que gravaba en vídeo e compartía en foros de pedófilos da Internet profunda, coñecida como Deep Web.
A investigación comezou cando os axentes expertos na loita contra o cibercrime da UCO, especializados neste tipo de casos, atoparon un vídeo que circulaba por foros pedófilos en que un home, supostamente de nacionalidade española, ataba e agredía sexualmente un bebé.
A medida que avanzaron as pescudas, determinaron que o agresor era un home de 32 anos residente na provincia de Madrid e a súa vítima, a súa filla de seis meses. Ambos foron identificados grazas ao uso de diversas ferramentas técnicas, bases de datos policiais, colaboración internacional e fontes abertas.
Constatado o risco inminente ao que estaba sometida a menor, os axentes puxeron os feitos en coñecemento do xuíz, que autorizou a entrada e rexistro do domicilio do home.
Unha vez detido e posta a salvo a meniña, en pouco máis de 24 horas os investigadores analizaron máis de 120 xigabytes de información que o home almacenaba no seu computador portátil e no seu teléfono móbil, onde localizaron centos de arquivos de explotación sexual de menores. Entre eles, varios cometidos contra a súa propia filla e que poñían en evidencia que as agresións eran continuadas no tempo.
De forma paralela, a nai recoñeceu sen xénero de dúbidas a súa filla e o seu marido no vídeo que deu orixe á investigación. Tamén sinalou que o cuarto en que fora gravado era o do seu domicilio actual.
Por todo iso, a autoridade xudicial decretou o ingreso do home en presión preventiva, que non tiña antecedentes.
Segundo informa a Garda Civil, a operación levouse a cabo no marco da décimo terceira edición do Grupo de Traballo de Identificación de Vítimas (VIDTF) de Europol, no que participaron 33 expertos de 23 países e que culminou coa detención de dous supostos agresores e a salvagarda de tres menores.
Como resultado das operacións do VIDTF levadas a cabo desde 2014, centradas en casos non resoltos de abuso sexual infantil, máis de 695 nenos foron rescatados e 228 agresores, detidos.