Publicador de contidos
Publicador de contidos

Detido un home por prenderlle lume a casa na Pobra do Caramiñal coa muller dentro

Detido un home por prenderlle lume a casa na Pobra do Caramiñal coa muller dentro

O caso está sendo investigado como violencia machista. O detido prendeu o lume cando a muller, impedida, xa estaba na cama

A propietaria que vive no primeiro andar foi a que alertou os servizos de emerxencias

En Vedra tamén se rexistrou un incendio provocado nunha vivenda

 

G24.gal 12/01/2023 11:24 Última actualización 12/01/2023 14:38

Un home foi arrestado como suposto responsable dun incendio intencionado rexistrado na madrugada deste xoves nunha vivenda da Pobra do Caramiñal. Segundo confirmaron fontes da Garda Civil, o home foi arrestado despois de que os servizos de extinción acharan probas de que o lume fora intencionado.  

O suceso tivo lugar nunha vivenda da Mirandela, onde os equipos de bombeiros desprazados ao lugar localizaron bombonas manipuladas e material incendiario.  Ardeu un sofá, colchóns e roupa. 

A inmediatez na alerta e a rapidez na intervención evitaron que o incendio, intencionado, se convertera nun gran sinistro de consecuencias graves. Quen deu o aviso do lume pasadas as doce da noite foi a dona do inmoble que vive enriba.

Segundo contou, coñecedora de que o inquilino do baixo fixera ameazas e estaba dando mostras de perturbacións mentais, púxose en alerta ao oír movemento de bombonas. Axiña chegaron os bombeiros de Boiro e de Ribeira.

"E que estaba acamada e que evacuamos ao exterior. Tiña síntomas de nerviosismo, máis que de intoxicación por fume. No dormitorio tamén había un can, que tamén foi evacuado", sinala Casais,  xefe dos bombeiros de Ribeira.

Nove bombonas de butano contaron e algunha estaba soltando gas mentres nunha das estancias do baixo permanecía unha muller maior e eivada das pernas.

As circunstancias do sinistro evidenciaban que se trataba dun incendio intencionado. O outro inquilino do baixo, un home duns 65 anos, de orixe romanesa, confesou á Garda Civil alí mesmo que el perpetrara o incendio. A muller foi trasladada ao hospital por intoxicación de fume e o home foi conducido ao cuartel da Garda Civil de Boiro ata poñelo a disposición xudicial.

A dona do inmoble asegurou que avisara en instancias policiais e municipais do risco que o detido supoñía polos seus problemas de saúde mental, pero polo que nos dixo, ninguén lle deu solución.

O alcalde da Pobra do Caramiñal informounos de que o Concello tiña o caso en estudo.
 

Outro incendio provocado en Vedra

Un par de horas antes, en Vedra, outro incidente de características semellantes producíase nunha vivenda do lugar de Fraíz. Tamén neste caso, os equipos de intervención comprobaron o uso e manipulación de material incendiario, que causou danos nun dormitorio. De feito, ardeu todo o mobiliario ata as paredes. 

Igualmente, outras dúas persoas recibiron asistencia médica, aínda que sen a necesidade do traslado ao hospital. 

Os sinais, aínda que leves, dunha posible intoxicación por inhalación de fume de dúas persoas, unha delas ocupante da vivenda, fixeron necesaria a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, quen finalmente descartaron o traslado hospitalario.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade