Deteñen unha muller acusada de acoitelar a súa exmoza no Carballiño
Deteñen unha muller acusada de acoitelar a súa exmoza no Carballiño
A presunta agresora fuxiu nun taxi
A vítima pediu axuda na rúa despois de ser agredida nunha perna e nun brazo
Pasaban as once da mañá do xoves cando a Policía Local do Carballiño recibía o aviso dos veciños. Unha moza de 26 anos gritaba na rúa Conde Vallellano. Acababa de ser acoitelada, supostamente pola súa exparella, outra muller, de 38 anos.
"Cando chegou a patrulla comprobou que a moza tiña feridas sangrando nun brazo e nunha perna. Dicía que a agredira a súa exparella. Segundo relatou a agresión comezara no domicilio e rematara na rúa", di Paco Valeiras, xefe da Policía local do Carballiño.
Sangrando, a vítima logrou desprazarse ata este portal da rúa Aldara na busca da axuda duns familiares. Mentres agardaban pola ambulancia, a policía recibiu un novo aviso.
"Naquel momento nos chega o aviso de que a exmoza da vítima collera un taxi cara a Ourense, que marchaba, que escapaba nun taxi", explica o xefe da Policía.
Inmediatamente saíron na súa busca pola A-52. Interceptaron o taxi a cinco quilómetros do Carballiño, no concello de Maside. Alí os axentes detiveron a presunta agresora, que xa foi posta a disposición xudicial. A vítima, pola súa banda, foi dada de alta despois de ser atendida dos cortes no hospital de Ourense.