Detida unha parella en Madrid por maltratar os seus 8 fillos menores
Detida unha parella en Madrid por maltratar os seus 8 fillos menores
Aos pais foilles retirada preventivamente a patria potestade dos menores, dos que teñen unha orde de afastamento
Adoitaban faltar constantemente ao colexio e o pai, que é médico, xustificaba as ausencias
A Garda Civil detivo na localidade madrileña de Colmenar Viejo unha parella por maltratar os seus oito fillos menores de idade, que eran "castigados fisicamente, estaban mal nutridos e nunha esquina dun cuarto" dunha vivenda "totalmente insalubre", informa o Ministerio do Interior.
A investigación xudicial confirmou "unha grave situación de desamparo" e de violencia doméstica, presuntamente exercida polo pai, que é médico nun hospital madrileño, e que tamén maltrataba a nai, que quedou detida e cunha orde de afastamento respecto ao seu marido, mentres que os menores ingresaron nun centro de primeira acollida da Comunidade de Madrid.
A detención tivo lugar o 29 de marzo baixo a dirección do Xulgado de Instrución número 1 desta localidade madrileña, no marco dunha investigación do Equipo de Policía Xudicial, e na entrada e rexistro do domicilio participaron o Fiscal de Garda, Axentes titores da Policía Local, Servizos Sociais, así como axentes do Equipo Muller Menor (EMUME) da Comandancia de Madrid.
A investigación orixinouse despois dunha denuncia de presuntos malos tratos contra unha menor
A investigación orixinouse días antes, tras unha denuncia de presuntos malos tratos contra unha menor, iniciándose un estudo pormenorizado da contorna familiar.
As primeiras pescudas revelaron que os menores adoitaban faltar constantemente ao colexio, sendo "xustificadas as ausencias escolares polo pai, que exerce de médico nun hospital madrileño" e que tamén sometía a malos tratos a nai dos menores, unha española de 44 anos, que á súa vez "tamén ofrecía un trato degradante e descoido sobre os seus oito fillos".
O domicilio estaba nun estado de insalubridade en todas as dependencias, a excepción do despacho do pai
Ao obter as probas oportunas, o titular do xulgado ordenou a inmediata a entrada e rexistro no domicilio, que presentaba "un estado de insalubridade en todas as dependencias a excepción do despacho" do pai, mentres que a situación hixiénico-sanitaria de baños e cociña era "pésima".
Os oito menores malvivían nunha habitación, tiñan prohibido pisar o salón e eran castigados mediante maltrato físico ou deixándoos á intemperie no patio da vivenda.
Durante o rexistro acháronse uniformes hospitalarios (batas, traxes de quirófano), material hospitalario (luvas, máscaras, gasas, medicamentos), dos que nun primeiro momento non se puido acreditar a súa procedencia polo que se investiga ao home por un delito de furto.
Aos pais foilles retirada preventivamente a patria potestade dos menores, dos que teñen unha orde de afastamento e que quedaron ingresados nun centro de primeira acollida da Comunidade de Madrid.