Detida unha veciña de Carballo que se facía pasar por médica e asinaba receitas
Detida unha veciña de Carballo que se facía pasar por médica e asinaba receitas
Chegou a exercer como doutora nunha residencia de Lugo
A Garda Civil prendeuna polos delitos de intrusismo profesional e contra a saúde pública
Detida unha veciña de Carballo que se facía pasar por médica e asinaba receitas Falsificou documentación e chegou a exercer como doutora nunha residencia da terceira idade en Lugo
A Garda Civil informou da detención dunha veciña de Carballo á que se atribúe delito de intrusismo profesional e contra a saúde pública, tendo en conta que se facía pasar por médica sen a habilitación necesaria e asinaba receitas.
A investigación iniciouse por mor da denuncia interposta no Cuartel da Garda Civil de Carballo pola titular dun establecemento farmacéutico desa localidade en que comunicaba que recibira aviso dunha compañeira de profesión da posible existencia dunha persoa que simulaba ser médica e que prescribía tratamentos mediante receitas da Seguridade Social. Tras proceder á revisión das receitas que recibira, localizou entre elas unha emitida pola suposta doutora.
Froito da investigación activada, comprobouse que a receita era oficial e correspondía ao Servizo Galego de Saúde, ademais de pertencer a un talonario que fora entregado por unha área sanitaria. Pola súa banda, o Colexio de Médicos informou a Garda Civil de que a agora detida se atopaba inhabilitada para exercer a profesión de médico por falsidade documental.
A suposta doutora falsificara o certificado de finalización de estudos e pagamento dos dereitos do título, ademais de exercer como médica nunha residencia da terceira idade en Lugo carecendo do título de Licenciada en Medicina.
Mentres non se detectaron as irregularidades existentes na tramitación da súa solicitude, obtivo un número de colexiada e un talonario de receitas. A pesar da notificación á interesada por parte do Colexio Oficial de Médicos da súa inhabilitación, seguiu facéndose pasar por doutora e receitando medicamentos cando non tiña habilitación para facelo. A Garda Civil detivo a muller como suposta autora dun delito de intrusismo profesional e doutro contra a saúde pública.